José Otero Abeledo


Pseudónimo:Laxeiro
Categoría: Pintor
Data de Nacemento: 23 de febreiro de 1908 (†20 de xullo de 1996)
Lugar de Nacemento: Donramiro, Lalín (Pontevedra)
 Currículum

A súa primeira mestra descobre as súas cualidades e anímao a pintar. Ós 13 anos emigra a Cuba con parte da súa familia. Recibe as primeiras ensinanzas na Sección de Belas Artes da Escola Concepción Arenal do Centro Galego na Habana. En 1925 volve a Galicia e en 1931 obtén unha beca para estudiar na Escola de Belas Artes de San Fernando. En Madrid relaciónase con intelectuais e artistas da súa época. En 1933 regresa a Lalín e dedícase exclusivamente á pintura. En 1942 trasládase a Vigo, onde permanece ata 1951. En 1951 viaxa a Buenos Aires ó ser invitado a unha exposición colectiva. As súas obras son moi ben acollidas alí e permanece en Arxentina ata 1968. En 1969 viaxa a Amsterdam para ve-la exposición antolóxica realizada para celebra-lo centenario de Rembrandt. Nos anos 70 e 80 vive en Madrid.

 Obras realizadas

Despois da guerra, realiza dúas obras importantes: a decoración do cine Balado de Lalín e un mural no antigo café moderno de Pontevedra, que titulou El manantial de la vida. Durante a súa época en Vigo (1942-1951), pinta fundamentalmente retratos de nenos (Merienda campestre, Juguete...) e cadros femininos como Arquitectura. En Amanecer ou La voz de la montaña, rememora os sonos e visións da infancia. Tamén son frecuentes as súas mascaradas nas que caracteriza as súas figuras dun modo grotesco como en Concierto, Flor, Hoy ou Guiñol. Trasmundo é, sen dúbida, unha das súas obras máis importantes, na que reflicte a súa propia interpretación do "máis alá". Dos anos 60 destacan obras como Martirio y muerte del muñeco Ramón (1966), El Mundo (1964), La vieja caja de música (1962), Hans de Islandia (1966), Entierro aldeano... Hai que destacar tamén outras obras como El verduguito, Los homenajes a Rembrandt, La duquesa Romea, Los dioses, El laranxo, ou Pareja aldeana.

 Outros datos de interese

Obtivo varios premios e distincións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia ou o Pedrón de Ouro.