José Luis Barreiro Barreiro


Categoría: Profesor e escritor.
Data de Nacemento: 6 de xuño de 1939
Lugar de Nacemento: Dúas Igrexas - Forcarey (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Realiza estudios de Humanidades e Filosofía en Santiago, Salamanca, Roma e Madrid. Doutor en Filosofía polas Universidades de Santo Tomás (Roma) e Complutense (Madrid). Catedrático de Filosofía na Facultade de Filosofía (Universidade de Santiago). Decano da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación desde 1986 ata 1995. Profesor de Historia da Filosofía na Facultade de Filosofía desde a súa incorporación en 1972.

 Obras realizadas

O seu currículum como investigador está orientado en catro liñas ou etapas diferenciadas que mostran, desde os seus inicios, tanto a presencia como a súa preocupación polo pensamento, a cultura e os problemas de Galicia ou relacionados con Galicia: a)- "Liña amor-ruigaliana", na que inclúen máis de media ducia de traballos publicados, con dúas teses de doutoramento; b)- "Etapa de escritos varios e traballos de ocasión", con estudios sobre autores diversos como S. Kierkegaard, L. Wittgensteins, O. Lois Amado, X. Vicente Viqueira, H. Marcuse, Ramón de la Sagra, J. Ferrater Mora, Enzo Paci, G. de Ockham. Nesta mesma liña coordinou o volume O pensamento galego na Historia. Aproximación crítica. (1990, 1992); c)- "Liña romántico-idealista", constituída fundamentalmente pola recuperación do ilustra pontevedrés Indalecio Armesto Cobian (1837-1890), político, xornalista, ensaísta, filósofo e masón. A esa recuperación contribúen diversos artigos, unha monografía e a reedición da súa obra Discuciones sobre la metafísica (Pontevedra, 1878, Santiago, 1991); d)- "Etapa ilustrada", con traballos sobre Sarmiento, Feijóo, V. do Seixo, Jacobi, Lessing, Gómez Pereira... Impartiu diversos cursos de especialidade sobre a Ilustración, Censura, Modernidade e Postmodernidade, todo isto relacionado en boa media, cos seguintes proxectos de investigación: "Europa en Galicia: Pensamento autóctono, pensamento esóxeno", "Da Galicia ilustrada á Galicia contemporánea", "Censura e Ilustración en Galicia no marco europeo do século XVIII", "Ilustración, censura y modernidad en el contexto de los siglos XVIII-XIX". Froito destos proxectos son as seguintes publicacións, en colaboración: Sonos e soños da razón (1997, 1999), Censura e Ilustración (1997) e Modernidad e Ilustración. Los avatares de la razón (no prelo). Impartiu, organizou e colaborou en numerosos congresos, simposios, semanas de filosofía, etc. En calidade de titor e de director orientou diversas memorias de licenciatura e teses de doutoramento. Actualmente está dirixindo proxectos de teses sobre Teixeira de Pascoaes, Eloi Luís André, H. Bergson, G. Santayana, José Marinho, M. Foucault, S. Kierkegaard...

 Outros datos de interese

É presidente da Área de Pensamento Filosófico do Seminario de Estudios Galegos, director de varias coleccións editoriais, membro do consello de redacción de revistas, membro de diversas sociedades e asociacións de Filosofía. Nestes momentos está preparando unha monografía sobre Pensar en Europa, en colaboración con profesores de Filosofía das Universidades de Santiago e de Minho (Braga).