José Luis Vivero Pol


Data de Nacemento: 2 de maio de 1971
Lugar de Nacemento: A Coruña
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

José Luis Vivero Pol: “El 90% del hambre mundial hoy no está en las emergencias”

José Luís Vivero Pol: «El hambre es una infamia»
 Currículum

Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade de Córdoba (1996), con dous posgraos: Conservación e Xestión de Espazos Naturais (1997) pola Universidade Internacional de Andalucía e Cooperación para o Desenvolvemento (1996) polo Consello Superior de Investigacións Científicas e a Universidade Complutense de Madrid. Cursos adicionais sobre Seguridade Alimentaria e Nutrición na Universidade de Wageningen (Holanda), Xeopolítica (Universidade Católica de Lovaina, Bélxica) e Bosques e Recursos Forestais (Universidade de Edimburgo, Reino Unido).
Os seus doce anos de experiencia profesional céntranse en seguridade alimentaria e loita contra a fame en América Latina, África e o Cáucaso (Guatemala, Nicaragua, Chile, Paraguai, Ecuador, Etiopía e Kenia), tamén en Conservación de Biodiversidade (España, Etiopía e Guatemala). En programas de loita contra a fame tivo experiencias relevantes en políticas nacionais e rexionais, supervisión e avaliación de programas, promoción do dereito á alimentación, alianzas con institucións, formación técnica con universidades, investigación aplicada, sensibilización e traballo con medios de comunicación, análise de información e alerta previa SA. En conservación da biodiversidade tivo experiencia en recursos fitoxenéticos, agro-biodiversidade, recursos forestais, bosques e pobreza, taxonomía, especies ameazadas e Listas Vermellas.
 

 Obras realizadas

 
Agrónomo, botánico, ornitólogo, defensor dos dereitos humanos e especialista en programas de loita contra a fame desde 1998. A súa carreira moveuse en dous ámbitos: a seguridade alimentaria e a conservación da biodiversidade. Aínda que se decantou pola primeira, sempre garda tempo para desenvolver actividades conservacionistas no seu tempo libre. Traballou coa Comisión Europea, Cruz Vermella Española e a FAO (Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) en diferentes países, tanto de África (Etiopía e Kenia) como de América Latina (Guatemala, Chile e Nicaragua). Actualmente é o Coordinador Rexional de Acción contra a Fame en Centroamérica. Xa en 1998 e 2002 estivo traballando con esta mesma ONG no Cáucaso, lugar polo que sinte un profundo respecto e interese. No ámbito académico ten cursos de posgrao en Xestión de Espazos Naturais, Cooperación ao Desenvolvemento, Seguridade Alimentaria, Recursos Forestais e Xeopolítica en España, Reino Unido, Bélxica e Holanda. Ten numerosas publicacións sobre fame, seguridade, seguridade alimentaria e dereitos humanos, tanto en revistas internacionais como nacionais e capítulos de libros. Recentemente escribiu o libro “Derecho a la Alimentación y Políticas Públicas en América Latina”  e acaba de abrir un blog sobre a Fame Latinoamericana, para dar a coñecer en España a problemática desta rexión .
Entre as súas actividades extra-profesionais describiu varias especies novas de plantas en España e Etiopía (cun profesor da Universidade de Santiago), é membro do grupo de especialistas de árbores da UICN e da Campaña para salvar as árbores ameazadas (www.globaltrees.org) e ten un libro de aves endémicas, outro de fotos de Etiopía e dúas publicacións sobre árbores ameazadas de Guatemala e Etiopía. Desde hai uns anos dedícase tamén a ler sobre a historia medieval de Galicia e ten ampla información documental sobre a xenealoxía dos seus antepasados, que está depositando nun blog sobre o tema (www.apellidovivero.blogspot.com ). Foi membro fundador da Cátedra de Estudos sobre Fame e Pobreza da Universidade de Córdoba (www.cehap.org) e promoveu numerosos cursos de posgrao en diversos países de América Latina e España sobre a fame e a alimentación. Foi docente en universidades de Guatemala, El Salvador, Nicaragua, Paraguai, Ecuador, Chile, Santander, Castellón e Córdoba. Ideou, promoveu e participou nos primeiros anos de vida da Iniciativa “América Latina y Caribe sin Hambre” (www.rlc.fao.org/iniciativa ), que foi lanzada polo Presidente Lula de Brasil e o Presidente Berger de Guatemala en 2005, e que actualmente agrupa a todos os países da rexión, como plataforma de compromiso político e sensibilización da sociedade no seu conxunto para erradicar a fame da rexión antes de 2025. A principios do ano 2010 presentou unha proposta para mellorar a gobernabilidade da loita contra a fame a nivel mundial, mediante un tratado internacional vinculante e un rexistro público de compromisos políticos contra a fame, co obxecto de conseguir erradicala da Terra antes do ano 2025.