Logo de finalizados en 1964 os estudos de bacharelato superior, por libre, no Instituto Nacional Masculino de Lugo, fixo os estudios de maxisterio, Plan de 1950, por libre, na Escola Normal de Lugo, e aprobou as oposicións de mestre en 1970. Licenciouse en Filosofía e Letras (Sección de Pedagoxía) pola Universidade de Barcelona en 1977, obtendo o Grao de Licenciado na mesma Universidade en 1979 coa tese de licenciatura ‘La formación continua del profesorado de EGB en ejercicio’, realizando pouco despois o Curso de Doutoramento na Universidade de Santiago.
Exerceu a docencia como Mestre Nacional en Monforte de Lemos, León, Barcelona e Lugo durante catorce anos, accedendo en 1983 ao exercicio da Inspección de Educación Básica nas sedes comarcais de Burela, Monforte e central de Lugo. O 1 de maio de 1996 ingresou como funcionario de carreira no Corpo de Inspectores de Educación, do que se xubilou en 2015.
Foi Subdirector Xeral de Ordenación Educativa na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e tamén Subdirector Xeral de Centros, entre 1996 e o 31/12/2001, téndoselle concedido o Diploma de directivo da Xunta de Galicia en 1997.
Foi relator, director e asistente en máis de cento cincuenta actividades relacionadas coa función docente, directiva e inspectora. Participou, igualmente, en diversas actividades académicas congresuais, como o VII Congreso Nacional de Pedagoxía, con publicación de comunicación (Madrid, 1980), na I Semana do Maxisterio Lucense (1985), ou no XX Coloquio Español de Historia da Educación (Monforte de Lemos, 2019). Participou en varios libros editados pola Consellería da Educación e publicou distintos textos sobre aspectos profesionais e de organización da educación en Escuela Española e na prensa provincial de Lugo, diario El Progreso e máis na revista dixital EDUGA.
En 2022 publicou o libro ‘O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX. Mapas das escolas e centros’. Dito libro foi financiado polo Concello de Monforte de Lemos, a Deputación de Lugo e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O 6 de outubro de 2023 pronunciou unha conferencia no Real Colexio Escolapios de Monforte co título ‘O cento quincuaxésimo aniversario do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos’.