Despois de cursar os seus primeiros estudios no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, titulouse como Enxeñeiro de Telecomunicación na ETSIT de Madrid e fixo o doutoramento en Informática no Departamento de Electrónica e Sistemas da Facultade de Informática da Coruña.
Polo que respecta á súa actividade profesional, desempeñou varios postos de traballo: auxiliar de laboratorio na Generale di Telefonia de Elettronica (1973-74), enxeñeiro de mantemento en Onuba (Teledyne Isotopes) (1974-75), director técnico rexional da Compagnie Xeral de Radiologie (Thomson-CSF) (1975-77), delegado rexional de Hispano Electrónica (1977-81), director comercial de Gaélico(1981-84), delegado técnico-comercial de Sintel (1984-86), director técnico da Compañía de Radio-TV de Galicia (1986-88), subdirector de Sintel Noroeste (1988-94), consultor asociado a Lógica Sistemas de Información (1994-95), director técnico do Centro de Innovación e Servicios de Galicia (1995-2003), conselleiro de Emetel Sistemas e asesor de Tecnoloxías da Información e a Comunicación do Centro de Innovación e Servicios de Galicia. Foi Director da Oficina de Proxectos Internacionais de I+D da Xunta de Galicia (2006-2013), Xestor de Relacións Científico-Tecnolóxicas da Universidade da Coruña (2013-2017) y Conselleiro da Editorial Galaxia (2015 ata hoxe).
Polo que respecta ó seu labor docente, foi profesor asociado ós Departamentos de Electrónica e Sistemas, e de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Universidade da Coruña).
Impartiu cursos de posgrao na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, cursos para posgraduados e masters de xestión das Telecomunicacións na Universidade Católica Arxentina e na Escola de Organización Industrial (EOI) de Madrid.
Desde 1971 ata hoxe ten colaborado con artigos de divulgación sobre telemática, medios de comunicación e multimedia en páxinas de opinión ou números especiais de El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Mundo, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia e seccións técnicas das revistas BIT (do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación) e ECO.
Ademais, ten publicadas comunicacións lidas en diversas conferencias e congresos: Entidades telemáticas: os novos parceiros comerciais, Troca de documentos comerciais das empresas de comunicação por via telemática em base à interrede global, An ideal model of data interchange based on a real model, ComprasAuto portal: EDI, web and XML, Futuras líneas de investigación en comercio electrónico B2B para el sector del automóvil, Teleinformação nos Andes venezuelanos, …
Escribiu as seguintes narracións curtas :Voltar (Galaxia,1972), A Fundición (Edicións do Castro, 1978), O Larvisión (Edicións do Castro, 1981), O Larvisión e outros relatos (Xerais, 1984), Los Angeles Flash (Xerais, 1989), Far South (Ir Indo, 1991), Contos das Américas (Xerais, 1992), Contos do Impaís (Xerais, 1992), Sucinto informe (Consellería de Cultura, 1992), Relación de feitos de sangue (ACK,1994), Hotel Damasco (Nigra, 1995), Palabras de cacique (Xerais, 2002), O tafetán (Embora, 2003), Piñón de Ferrol (Xerais, 2003), Fóra de obxectivo (A nosa Terra, 2003), A guerra de Creta (Consello da Cultura Galega, 2003).
Algunhas das súas novelas máis importantes son: A Ínsua, A Nosa Cinza, Fábula, Nos Pagos de Huinca Loo, Tertulia, Fumes de Papel, Cárcere Verde, Latitude Austral, Código Morse, Alén da desventura, Triloxía Evanxélica, Verde Oliva e The Making Of.
Tamén escribiu as narracións de viaxes Arxentina, Viaxes no país de Elal, Argentina (da serie Grandes reportajes) e La Habana flash; as traduccións A Illa do Tesouro e Un Estudio en Escarlata. É autor do método de lingua O Galego Hoxe (en colaboración) e dos ensaios A galeguidade empresarial e Discurso do novo século.
Ademais, escribiu a letra de cancións para Andrés do Barro, entre as que destacan "Teño saudade", "Rapaciña", "Fogar de Breogán"...
Fala portugués e inglés. Ten tres fillos e tres netos. Entre os cargo que ocupou destacan os de vocal do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de España (1980-88), vocal da Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación (1988-94), presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (1992-94) e vocal da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (1994-2003). Foi galardoado con varios premios pola súa creación literaria.