Licenciado, graduado e doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi bolseiro predoutoral de F.P.I (1981-1983) no Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, profesor axudante de clases prácticas (1983-1985), profesor colaborador (1985-1987) e profesor titular de Farmacoloxía (1987-2000) no mesmo Departamento e desde o ano 2000 é catedrático de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi así mesmo bolseiro postdoutoral e profesor invitado no laboratorio de Farmacoloxía Vascular do Departamento de Farmacoloxía e Terapéutica da Facultade de Medicina da Universidade Autónoma de Madrid para a aprendizaxe de cultivos celulares e de técnicas con radioisótopos (1987, estancia de 9 meses) e bolseiro postdoutoral e profesor invitado na unidade de Electrofisioloxía Vascular do laboratorio de Farmacoloxía Celular e Molecular, adscrito ó CNRS, da Universidade Louis Pasteur de Estrasburgo (Francia) para a aprendizaxe de técnicas electrofisiolóxicas de "patch-clamp" e de epifluorescencia/microfotometría en células vasculares (1992, estancia de 6 meses).
Foi investigador principal de distintos proxectos de investigación subvencionados por diferentes organismos e entidades, autor de numerosas comunicacións a congresos e publicacións en revistas de Farmacoloxía de recoñecido prestixio internacional como "British Journal of Pharmacology", "Pharmacology and Therapeutics", "Molecular Pharmacology", "Journal of Medicinal Chemistry", "Journal of Leukocyte
Biology", "Biochemical Pharmacology", "European Journal of Pharmacology", etc... Foi tamén director de sete teses de doutoramento (xa defendidas), doutras catro en realización e de 25 tesiñas de licenciatura, "Referee" (censor de traballos) de distintas revistas de Farmacoloxía de recoñecida calidade científica como "British Journal of Pharmacology", "Life Sciences", etc... e avaliador de proxectos de investigación na área de Farmacoloxía e Fisioloxía (Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva e V Programa Marco da Comunidade Europea).
Recibiu os seguintes premios de investigación: Premio "Eloy Díez" (1984), Premio da Sociedade Española de Química Terapéutica (1987), o traballo premiado por esta sociedade recibiu tamén unha mención honorífica na convocatoria do Premio de Investigación da Fundación "Dr. Esteve" (1992), Premio "Dolores Trigo" (1993) e Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde (1996) e Premio Nacional de Farmacoloxía (2003). Tamén conseguiu o Premio extraordinario de Licenciatura (1979-80) e de doutoramento (1983-84) na Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas afeccións destacan a investigación científica e a música clásica. É socio numerario da "New York Academy of Sciences", "American Association for the Advancement of Science", "American Society for Pharmacology and Experimental Therapeutics (ASPET)", "Sociedade Española de Química Terapéutica", "Sociedade Española de Farmacoloxía" e "Sociedade Farmacéutica Internacional do Mediterráneo Latino". Foi socio fundador da "Sociedade Española de Farmacognosia e Farmacodinamia". Aparece unha referencia biográfica súa nos libros: Who´s who in the world (desde 1997), Who´s who in Science and Engineering (desde 1998), Who's who in Medicine and Healthcare (desde 1999), 2000 Outstanding Scientists of the 20th Century, International Biographical Centre (IBC), Cambridge, England (desde 1999) e Five Hundred Leaders of Influence (ABI, American Biographical Institute) (desde 1999).