Naceu na Coruña, na rúa Luchana, e foi bautizada na parroquia de San Nicolás. Procede dunha familia da alta burguesía. É a menor de sete irmáns: 4 irmás, e dous irmáns. Ata 1915 a súa vida transcorre na Coruña e ese ano vai a Madrid a vivir coa súa irmá máis vella Enriqueta (Keta). Co comezo da guerra, as dúas irmás volven a Oleiros a pasa-lo verán. A súa casa de Madrid é saqueada e pasarán apuros económicos. Francisca Herrera Garrido recibiu unha formación de cultura xeral, propia das mulleres da época. Foi unha escritora autodidacta que descubriu a súa afección pola lectura na súa adolescencia. O 4 de marzo de 1945 foi elixida membro da Real Academia Galega aínda que morreu no ano 1950 sen tomar posesión do asento académico.
Inicia a súa carreira literaria con tres libros de poemas: Sorrisas e bágoas (Madrid, 1913), Almas de muller...¡Volallas na luz! (A Coruña, 1915) e Flores do noso paxareco (A Coruña, 1919). En 1920 publica a novela Néveda (A Coruña) á que seguen o relato A ialma de Mingos (Ferrol, 1922), a novela curta Martes de antroido (A Coruña, 1925) e o conto A neta da naipeira (no nº 20 da revista Nós, 1925).Escribe preferentemente en galego, en castelán só publica as novelas Pepiñas (Madrid, 1922), Répobra (Madrid, 1926) e Familia de lobos (Madrid, 1928).Francisca Herrera Garrido continúa o movemento romántico-idealista iniciado por Rosalía de Castro. A linguaxe que emprega é moi rica en léxico e sintaxe, chea dun vocabulario rural que serve para expresa-los diversos matices da paisaxe, así como os estados de ánimo dos personaxes. A temática empregada xira en torno a tres elementos fundamentais: o ruralismo, a muller-nai e a renuncia feminina.No campo do ensaio publicou o prólogo a Cantares Galegos de Rosalía, A Muller Galega (nº 6 da revista Nós, 1921) e Rosalía de Castro (en Diario Español, Bs. As., 1925).
Adicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1987.