É doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, licenciado nas especialidades de Economía Xeral e Economía da Empresa pola mesma universidade, actuario de Seguros pola Universidade do País Vasco e licenciado en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi profesor mercantil na Escola Profesional de Comercio da Coruña, catedrático de Economía Financeira da Empresa, director do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña e catedrático de Escola Universitaria (excedente) de Organización e Administración de Empresas, Integración e Análise de Balances e Organización e Revisión de Contabilidades.
Realizou a súa actividade profesional durante 28 anos en IBM, actualmente é xubilado Sénior de Enxeñería de Sistemas. Publicou os seguintes libros: Modelos de optimización aplicables a la gestión de la producción. Fundamentos de la Programación Lineal. Tórculo Edicións, 1989; Introducción a la Economía de la Empresa. Tórculo Edicións, 1990; Planificación y Control de Proyectos. Tórculo Edicións, 1990; Economía Financiera de la Empresa. Tórculo Edicións, 1994; Métodos cuantitativos de selección de inversiones. Tórculo Edicións, 1999; Métodos cuantitativos de selección de inversiones. Modelos y técnicas multicriterio (en colaboración co profesor A. Fernández Castro, publicado en ruso pola Universidade de Minsk, froito dun programa "Tempus" da UE no que colaborou a través da Universidade Politécnica de Barcelona) 2000 e Fundamentos de las decisiones financieras empresariales. Tórculo Edicións, 2001. Liñas de traballo e investigación: "Sistemas de información", "Teoría da Decisión", "Análise Multicriterio", "Xestión da incerteza" e "Valoración de instrumentos financeiros". Sobre todo eso publicou artigos en revistas, colaboracións en libros, relatorios presentados a congresos nacionais e internacionais e dirixiu 10 teses de doutoramento, todas cualificadas con Sobresaliente cum laude, recibindo unha o premio extraordinario da Universidade da Coruña.