Con dezaseis anos partiu de Galicia cara a Barcelona, onde iniciou a súa actividade profesional nun taller como aprendiz. En 1969 ingresou en Correos e durante sete anos dedicouse ó reparto antes de ser ascendido a xefe de sección en 1977. En 1989 pasou a desempeña-lo cargo de xefe coordinador da Inspección de Reparto, desde onde levou a cabo as tarefas de control e seguimento das diferentes seccións, así como o asesoramento do persoal. Nos últimos tres anos exerceu como auxiliar auditor. Polo que respecta ás actividades relacionadas coa cultura galega, comezou en 1978 participando activamente nos actos que se organizaban na cidade condal. En 1982 foi un dos promotores da fundación da Agrupación Cultural Galega ‘Saudade’, coa intención de promove-la cultura e tradicións de Galicia. Foi o primeiro presidente e leva dezaoito anos ocupando o mesmo cargo. Desde esta agrupación levou adiante iniciativas para promove-la cultura galega, invitando a importantes personalidades do ámbito cultural e político como Ramón Piñeiro, Filgueira Valverde, Alonso Montero, Manuel Fraga, Jordi Pujol, Mariano Rajoy, Pasqual Maragall, Joan Clos, etc. Ademais, traballou na fundación da Federación de Entidades Galegas de Cataluña, colaborando na redacción dos seus estatutos e sendo o primeiro presidente.
No ano 2001 recibiu o recoñecemento do goberno galego, que o agasallou coa medalla de Galicia en Santiago de Compostela. En febreiro de 2003 foi nomeado galego do ano en Cataluña por parte do Foro da Terra Galega de Barcelona.