Enrique Mayer Méndez


Categoría: Artista
Data de Nacemento: En 1907 (†En 2001)
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Comezou a aprendizaxe no obradoiro do seu pai, Enrique Mayer Castro. Asistiu á Escola de Artes e Oficios de 1921 a 1926. Recibiu leccións de gravado en pedras finas co ourive austríaco Walter Aubell en 1927. Ingresou e comezou estudios na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando (Madrid). Visitou museos (El Prado, Museo Rodín en París, etc.) e exposicións (Picasso, Gaudí, etc.). Foi profesor de Debuxo na Real Sociedade Económica de Santiago de 1928 a 1940 e profesor de Debuxo Artístico (1931) e de Elementos de Historia da Arte (1954), ámbalas dúas na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela. En 1944, dirixiu un cursiño de talla de acibeche, patrocinado pola Dirección Xeral de Belas Artes. Ó falece-lo seu pai en 1931 continuou co obradoiro de Debuxo, Gravado e Acibeche formando discípulos.

 Obras realizadas

Desde 1926 participou en exposicións con gravados xilográficos e acibeches en Santiago, na Coruña (1949 e 1950) e as de Belas Artes en Madrid (1930 e 1943). Obtivo a terceira medalla no Concurso Nacional de Artesanía Artística de Madrid (1944) e a primeira no Concurso Provincial da Coruña en 1948. Neste mesmo ano a Xefatura Nacional de Artesanía Artística inclúeo entre os cincuenta artífices españois máis distinguidos.

 Outros datos de interese

Foi autor dunha guía de Santiago (1931), ilustrada con minigravados en madeira de buxo; ocasionalmente colaborou coa prensa rexional sobre temas de arte.