Carmen Pérez Fernández


Pseudónimo:Carmen Penim
Categoría: Cantante, compositora e profesora
Lugar de Nacemento: Covas, Os Blancos (Ourense)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Nace nunha pequena aldea arraiana de Ourense (Covas, Os Blancos) e pasa os seus primeiros anos na aldea paterna do Couto Mixto, Meaus, ata que emigra coa súa familia a Holanda. Máis tarde regresará para continuar os seus estudos e licenciarase en Filoloxía Hispánica por Santiago de Compostela e doutorarase pola UNED cunha tese sobre didáctica da Escoita comprensiva. Dende 1990 é profesora de instituto en Galicia e durante seis anos, en Italia.

Compaxina durante anos a súa carreira como profesora e investigadora cun estudo autodidacta do canto, ata que durante a súa estanza en Italia (2007-2013) se forma en canto lírico (Martina Cizniarova) e canto jazz e popular e didáctica do canto (Giovanna Gattuso, Método Crossover). No 2008 funda o seu grupo 2naFronteira xunto ao pianista romano Maurizio Polsinelli. Alí edita o seu primeiro disco, para voz e piano, Humo en los ojos, que musica poemas de Carmen e que xa contén un soneto de Lorca e dous temas orixinais en galego. Este traballo é levado aos escenarios, en colaboración con círculos e asociacións culturais e concellos italianos. Tamén desenvolve un labor de promoción cultural do Camiño de Santiago en colaboración coa Sociedade Enolóxica de Turín e a Asociación Via Francigena do norte de Italia.

Durante este período musicaliza a obra de Lorca Seis poemas gallegos e comeza a traballar con poesía galega: Paz Andrade, Rosalía, Curros, etc... sen esquecer os poetas contemporáneos. Este traballo será editado como disco ao seu regreso a Galicia no 2013 (Alma), e interpretado no Parlamento de Galicia e en escenarios como Culturgal, AMIC de Celanova, Casa dos Poetas de Celanova, etc... E para diversos concellos como Xinzo de Limia ou Gondomar. Neste disco, ademais do piano, emprégase xa o harmonio.

Actualmente está de novo establecida en Moaña, onde ten a súa residencia dende 1996. Continúa co seu traballo de composición musical con autores como Otero Pedraio e outros da Xeración Nós, Miro Villar, Pepe Velo, etc. No 2014 editou un disco (Zapatiños para Díaz Castro) coa colaboración da Consellería de Educación, Cultura e O.U. que presentou en diversos escenarios como o Museo Provincial e o museo MIHL en Lugo; a Casa Habaneira en Guitiriz (Centenario Díaz Castro); o Liceo e o Convento de San Francisco en Ourense; o CGAC en Santiago, o Museo de Belas Artes da Coruña, etc. Así como en medios televisivos e radiofónicos (RTVG, Onda Cero, entre outros).

 Obras realizadas

Publicacións

No ámbito artístico-literario:

Humo en los ojos. Italia, 2011

Alma. Galicia, 2013

Zapatiños para Díaz Castro. Galicia, 2014.

Poemario Cambio versos por champán. Madrid, Torremozas, 2010.

 

Ámbito científico-didáctico:

Publicou numerosos artigos de Didáctica e de Escoita Comprensiva obtendo no 2006 o primeiro premio da Xunta de Galicia para artigos científicos sobre Didáctica.

Coautora de diversos libros empregados como libro de texto na UNED (UNED 2003, 2006 e 2009).

Coautora do libro Textos para las secciones españolas en Italia (MEC, 2012).

Autora do libro La escucha comprensiva (Editorial Académica Española, 2012).

 Outros datos de interese

Está comprometida coa conservación e difusión do patrimonio histórico-cultural do seu Couto Mixto natal en colaboración coa Asociación de amigos do Couto Mixto. Compuxo varios temas en honor a estas terras. (Entre estes, Nana do Couto Mixto e Rosa do Couto Mixto).

Actualmente é profesora de Lingua castelá e literatura no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña (Pontevedra). Colabora habitualmente en programas de formación do profesorado (MEC e Xunta de Galicia).

No ano 2012 deseña o Mantón de Manila Gallaecia realizado por Bordados Merto, que reflicte a cultura dos petróglifos do norte peninsular e que a acompaña no escenario habitualmente.