A súa familia trasladouse a Ribadeo (Lugo) onde cursou os estudos primarios (1965-1969). Realizou o Bacharelato Elemental no Seminario de Mondoñedo – Lugo (1969-1973), o Bacharelato Superior e COU no Instituto Masculino de Lugo (1973-1976) e estudos de Filoloxía Hispánica e Dereito na Universidade de Santiago (1976-1980). En 1980 fixou a súa residencia en Barcelona a onde marchou para realizar estudos de dramaturxia, linguaxe audiovisual e dirección escénica, estudos dos que é diplomado polo ‘Institut del Teatre de Barcelona’ (1980-1984). Licenciado en Filoloxía Románica (Galego-portugués) é doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona. Desde 1986 exerce como profesor de Filoloxías galega e portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona. Na Universidade de Barcelona foi profesor e promotor da creación da licenciatura en Filoloxía Galega. Foi redactor do plano de estudos de Filoloxía Galega e do Lectorado de Galego (1994); profesor-promotor e coordinador da Conmemoración das Letras Galegas na Universidade de Barcelona; profesor-coordinador de diversas xornadas e cursos relacionados co galego e coa cultura galega; cofundador, coordinador universitario e cantor do Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB, creado en 1992); cofundador e director da Aula Universitaria Galega de Teatro de Barcelona (AUGATEBA), coa que representou 16 pezas dos principias autores, clásicos e contemporáneos, da literatura dramática galega; etc. Na Universidade Autónoma de Barcelona foi profesor invitado entre 1995 e 1998 e inaugurou o actual Lectorado de Galego en 1997. Na UNED (na sede de Terrasa) foi profesor invitado (1997-1999) e coordinou a edición de dúas publicacións: Caderno sobre Lírica Galega Medieval (Terrasa, 1998) e Revista Ciutat nº 9.
Leva participado como relator en congresos, cursos de verán e simposios de Lingua e Literatura galegas, con estudos relativos ás súas especialidades (a lexicografía, a sociolingüística e, sobre todo, os estudios de historia e crítica literaria galega). Integrouse dende moi novo no movemento literario, cultural e político galego.
Entre 1976 e 1980 participou activamente no rexurdir da cultura galega dos anos da transición desenvolvendo, entre outras, as seguintes actividades: Secretario da Asociación Cultural Universitaria ‘O Eixo’ (Santiago, 1977-1980); poeta membro do Grupo de Comunicación Poética ‘Rompente’ de Vigo (1977-1979), coautor de Silabario da Turbina (1978); cofundador e integrante do Grupo de Música Folk ‘Tangaraño’ (1977-1980); encargado da sección de crítica de teatro e espectáculos na delegación de La Voz de Galicia de Santiago de Compostela (1978-1980) e promotor e cofundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega . En 2002 foi nomeado membro do Consello Directivo constituínte do Centro de Estudios Oterianos, vinculado á Fundación Otero Pedrayo, como responsable da sección de Literatura e Teatro. Na actualidade, forma parte de varios grupos de traballo e comités científicos, entre os que destacan o consello de redacción da revista Citania (Santiago), o consello directivo do Centro de Estudios Oterianos, o comité científico da ‘Asociación d’Amics de Sant Jaume de Catalunya’ e do comité organizador do primeiro ‘Congreso Internacional de Estudios Xacobeos de Catalunya’, etc.
É autor de dúas gramáticas do galego normativo, de dous dicionarios normativos bilingües galego-castelán, dun glosario dialectal galego, dunha enciclopedia galega en dous volumes e de varios libros publicados sobre temas de literatura galega e da súa especialidade como investigador oteriano. Ten traducido obras do portugués ó español e do español ó galego e foi coordinador editorial da Biblioteca Portuguesa ‘Visao’ (2000), asesor científico da Biblioteca 120 de Literatura galega, publicada ó longo do ano 2002 por La Voz de Galicia e coordinador da serie ‘Temarios Vox en galego’ da editorial SPES, de Barcelona. Desde os 17 anos escribe poesía, literatura e teatro (estreou 15 pezas). É colaborador en prensa (La Voz de Galicia, O Correo Galego, El Periódico de Cataluña, A Peneira), articulista en revistas especializadas e de cultura e director-fundador de reNOVA GALIza (2005) revista de pensamento cívico, acción cultural e solidariedade galega. Realizou tamén obras e actividades como especialista nos estudios oterianos: ‘Lagarada’, ‘Ramón Otero Pedrayo arredor de si’, ‘O poeta asasinado (Pequeno Teatro de Máscaras), ‘Da poesía dramática e da dramaturxia de R.O.P.’, ‘Pro Opera Omnia de R.O.P.’ e ‘La literatura breu de ficció de R. Otero Pedrayo’. Como autor de ficción escribiu: ‘Silabario da turbina’, Vigo, 1978; ‘A morte natal e outros poemas’, Madrid, 1999; ‘Xinea’, poemario incluído na antoloxía ‘Alén do azul. Unha ducia de poetas galegos en Cataluña’, Edicións do Castro, 2000; ‘Progreso e andrómena de Antroido’ (Premio Abrente de Teatro 1977), A Coruña, Edicións do Rueiro, 1978; ‘Seoane e as andoriñas’, Bule-Bule produccións-Maratón-Estudio, 1996 e ‘A cerimonia do té’ (Intreacto radiofónico para Teatro de sombras) Barcelona, 1997. É autor, entre outras, das seguintes obras dramáticas: ‘Progreso e andrómena de antroido’ (1977); ‘Lenda lerenda dunha madama compostelá’; ‘A ceremonia do té’; ‘Seoane e as andoriñas’; ‘O trasno na fiestra’; ‘O xardín deixado ou cómo alumean os luceiros do dezanove’; ‘O son das flores’; ‘A creba ou Eleuteria. O tempo no espello e as torres no ar de Avilés de Taramancos’ e ‘Seoane e as andoriñas’. Tamén foi director escénico, axudante de dirección, promotor-animador de dirección, promotor-animador de iniciativas teatrais, membro de xurados de certames de literatura dramática e teatro, coordinador científico da exposición, crítico xornalístico e articulista e ensaísta en revistas, cadernos, suplementos de xornais e en libros.
Foi galardoado co V Premio Abrente por Progreso e andrómena de Antroido. Farsa veraz e alegoría festiva (1978) e coa Mención de honra no Premio Rafael Dieste, da Deputación da Coruña por ‘Seoane e as andoriñas’. Tríptico da nación fantasma (1994). Recibiu os seguintes premios e distincións: ‘Eijo Garay’ de Poesía galega e de Poesía castelá (Lugo, 1976); ‘Abrente’ de textos teatrais galegos (Ribadavia, 1977); ‘Meigas e Trasgos’ de Poesía galega (Sarria, 1978); ‘Eidos de Poesía galega’ do Colexio La Salle de Santiago (Santiago, 1978); ‘Sociedad Filantrópico-Dramática’ de Poesía galega (Ribadeo, 1979); Accésit no Premio ‘Rafael Dieste’ de textos teatrais galegos, Deputación A Coruña (1994) e o ‘Premio Trevinca’ de poesía galega (Xares, 2003). Na súa actividades profesionais e socioculturais foi galardoado cos seguintes premios e distincións: Diploma ó Mérito Cultural (2000) do Centro Galego de Barcelona; Premio ‘Castelao’(2001) do Centro Galego de Barcelona; Premio ‘Lois Peña Novo’ (2002) e placa de honra (2003) da Irmandade Galega ‘O Botafumeiro’.
Casado con Mercè Pinyol Torrent, desde 1980 reside en Barcelona.