Benjamín de Arriba y Castro


Categoría: Bispo
Data de Nacemento: En 1886 (†13 de febreiro de 1973)
Lugar de Nacemento: A Ferrería
 Currículum

Con nove anos marchou cos seus padres a vivir a Madrid, comezando os seus estudios no colexio dos Escolapios de San Antonio Abad. Despois do primeiro curso de bacharelato, pasou ó Seminario matritense para cursar estudios eclesiásticos. Ó remate dos cursos filosóficos, foi enviado como bolseiro da súa diocese ó Pontificio Colexio Español de Roma, cidade na que fixo o doutoramento despois de catro anos en Sagrada Teoloxía (Universidade Gregoriana de Roma) e en Filosofía (Academia Pontificia de Santo Tomás de Roma). Cursou, ademais, un ano de Sagrada Escritura no Instituto Pontificio Bíblico, para logo licenciarse en Dereito Canónico na Universidade Pontificia de Toledo. Foi ordenado sacerdote o 14 de xullo de 1912. Desde 1913 ata 1921, ocupou as cátedras de Metodoloxía e Crítica Histórica, Grego Clásico, Hebreo e Teoloxía Fundamental (no Seminario de Madrid). En 1920 obtivo por oposición unha coenxía da que tomou posesión en febreiro dese año. Durante nove anos foi secretario de Cámara e Goberno do bispado de Madrid, ata que en 1930 pasou a se-lo seu provisor e tenente vicario xeral. En 1935 foi nomeado bispo de Mondoñedo, consagrado na Catedral de Madrid por Leopoldo Eijo Garay, onde ocupou ese posto durante nove anos. En 1944 foi nomeado bispo de Oviedo, onde estivo algo máis de catro anos. Durante o seu pontificado impulsou a Obra de Exercicios Espirituais; creou a escolanía e formulou o “voto” de Covadonga. Preconizado arcebispo de Tarragona, tomou posesión o 22 de xaneiro de 1949. O 12 de xaneiro de 1953 Pío XII nomeouno cardeal e conferiulle o titulo da igrexa romana de san Vital, unha das máis antigas de Roma.

 Obras realizadas

Nos nove anos nos que foi bispo de Mondoñedo publicou importantes pastorais, entre elas: Juventud y aspirantazgos de Acción Católica, La religión y los problemas actuales, La Santa Cuaresma y la Semana Mayor, Los deberes del ministerio eclesiástico, El misterio de la Redención, Las nuevas bases de Acción Católica… En Oviedo publicou numerosos escritos pastorais: Juventudes y Arciprestazgos; Los deberes del ministerio eclesiástico, El Misterio de la Santísima Eucaristía; El mes del Rosario; El Seminario e Adveniat Regnum tuum, entre outros. Durante o exercicio do seu sacerdocio realizou numerosas obras sociais e dirixiu moitas celebracións eclesiásticas.

 Outros datos de interese

Fóronlle impostas numerosas condecoracións, entre elas: A Gran Cruz do Mérito Naval, con distintivo branco; Gran Cruz de Isabel a Católica; Gran Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio; Gran Cruz da Orde Civil de San Raimundo de Peñafort; Gran Cruz da Real e Moi Distinguida Orde de Carlos III; Gran Cruz do Mérito Militar, con distintivo branco; Medalla de Ouro da Xuventude e Medalla de Ouro de Tarragona. Entre as condecoracións estranxeiras destaca a Medalla de Duarte, da República Dominicana. Era fillo predilecto da Provincia de Lugo e fillo adoptivo de Alforja, Montblanc, Riudoms, Ferrol e Cardedeu (onde pasou os seus últimos anos).