Antonio Rubinos Ramos


Data de Nacemento: 21 de xullo de 1899 (†21 de xaneiro de 1983)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Ingresou na Compañía de Xesús no Noviciado de Carrión de los Condes (Palencia) o 10 de abril de 1914. Foi ordenado sacerdote en Comillas (Santander) o 30 de xullo de 1929. Fixo os seus últimos votos en Marquain (Bélxica) o 15 de agosto de 1932.
En 1941 incorpórase ó equipo director do novo seminario menor da Arquidiocese de Santo Domingo, encomendado ós xesuítas ese mesmo ano e instalado no Santo Cerro (La Vega), no centro do país. Alí sería ministro e prefecto de disciplina (1941-1943), ademais de ensinar latín e castelán. Ó rematar ese compromiso, é enviado a ensinar latín e grego ó Colexio Máximo de Comillas (Santander), e en 1945 trasládase como vicerreitor ó seminario menor da Garda (Pontevedra), onde permanecería ata 1947, cando viaxa de novo ó Caribe para traballar durante un ano como simple operario na residencia anexa ó templo do Sagrado Corazón (máis coñecido como Iglesia de Reina) na Habana (Cuba). Segue ó ano seguinte o seu traballo, agora como ministro da residencia da Coruña (1947-1983), ó que se agregaba a dirección da asociación da adoración diúrna e a boa morte, e as conferencias de San Vicente de Paul, incluíndo un programa de radio. A súa actividade foise reducindo a partir de finais da década dos setenta, e alí mesmo, na súa cidade natal, faleceu o 21 de xaneiro de 1983.

 Obras realizadas

Durante a súa estancia en Cuba, publicou durante tres anos (1938-1941), unha revista vocacional, órgano da Escola Apostólica que se instalou na cidade de Sagua la Grande en 1938 e que el tamén dirixía. Dous anos máis tarde publicou un interesante Catecismo histórico-litúrgico de la Misa (Habana, 1940), que estaba orientado para servir de texto en seminarios, clases de relixión e círculos de estudos. Máis de tinta anos despois, e estando xa en España, publicou o ensaio Concepción Arenal, una auténtica reformadora social (A Coruña, 1975).