Antonio Río Montero


Pseudónimo:O Brindeiro de Louzarela, O Brindeiro da Montaña
Categoría: Brindeiro
Data de Nacemento: 30 de outubro do 1926 ( † 4 de maio de 2020)
Lugar de Nacemento: Louzarela - O Cebreiro (Lugo)
 Currículum

Fillo de labregos, foi o segundo fillo dunha prole de seis irmáns que quedaron orfos en 1941. Saíron adiante ao amparo da avoa paterna. Foi un gran traballador nas tarefas agrícolas e gandeiras. Á volta do servizo casou coa súa veciña Manuela coa que tivo seis fillos (catro mulleres e dous homes) e seguen a compartir traballos, lembranzas e ledicias.

 Obras realizadas

Está considerado o 'mellor brindeiro' das Montañas de Pedrafita (O Caurel). É autodidacta e ten acreditada a sona. Desde os anos 40/50 ata os 70/80 foi o 'brindeiro' (xeito de regueifas na Zona) que máis participou nas vodas nas Comarcas de Pedrafita, O Caurel e Samos. Non había festa, foliada, fiandón ou xuntanza que non rematase coa intervención do brindeiro.

 Outros datos de interese

As súas actuacións máis destacadas son as edicións dos 'Filandóns do Caurel' (1998/2006); na TVG ('Luar' e 'Sentinela'); na TVE ('Un alto en el Camino'), en Lugo Visión, nos Concursos de regueifas e regueifeiros da Coruña e Vigo e no CD e Vídeo de Carlos Núñez. No CD 'Gran Rapsodia de aires populares de Galiza' (X. L. Foxo), figuran os 'brindos' que dedicou ó Príncipe don Felipe e a dona Leticia co gallo da voda. O 7 de maio de 2006 no Poio (Pedrafita), ante o grupo de responsables dos 'Fiandóns do Caurel', foi homenaxeado como 'O Brindeiro Maior da Serra' e impúxoselle a medalla de honra da Asociación 'Gaitas do Caurel'.