Antonio Gregorio Montes


Categoría: Profesor
Data de Nacemento: 27 de abril de 1957
Lugar de Nacemento: Vilalba (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Biblioteca Virtual GD

Opinión
 Currículum

Casado no ano 1982 con Gregoria Gómez Alonso, pai de 4 fillos. Matrícula de honra en COU, rematou Ciencias Físicas (rama Fundamental) en 1979 Universidade de Valladolid. Profesor de Formación Profesional (Física e Química) con oposición en 1980, posteriormente obtén a condición de catedrático. Dedicado ó ensino antes xa de rematar a carreira na Aula María de Molina (centro de axuda de adultos), comeza a dar clases no actual IES Delicias de Valladolid. Destinado a Ribadeo, impartiu clases desde o ano 1982 no actual IES Porta da Auga, onde ocupou diversos postos directivos e logo, no actual IES de Ribadeo Dionisio Gamallo ata a súa xubilación.

En diversas ocasións tivo ó seu cargo cursos de formación do profesorado, tanto de informática como de didáctica, así como unha disciplina do CAP varios cursos en Santiago e en Lugo. Tamén mantivo xunto con outros compañeiros da Mariña un grupo de traballo sobre didáctica. Pertenceu ó grupo de traballo de Física para as probas de acceso á Universidade – LOXSE. Dende a súa formación ata a xubilación.

Xunto con outros compañeiros, creou en 1995 a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, de celebración anual en Ribadeo, manténdoa durante 25 edicións.

Foi acredor dun dos premios de innovación educativa 2001 e do premio da AGC 1998 para artigos na prensa escrita polo artigo ‘Marcas’. Codirixiu o traballo tamén premiado ’Reconocérmonos como consumidores: os hábitos de consumo e ocio entre a xente nova nas portas do século XXI’ (premiado en 2003).

No campo social, foi membro da xestora e posteriormente presidente do Club de Xadrez Alfonso X el Sabio de Ribadeo. Tamén participou na xestora e directiva da Asociación Amigos da Música, titular da Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo, da que foi catro anos presidente. É directivo da AVV de Ribadeo O Tesón, da que foi impulsor. Así mesmo, colabora con outros grupos e asociacións.

 Obras realizadas

Ten publicados diversos artigos só ou en colaboración poñendo en relación física e ensino en revistas relacionadas con esta temática, como Cuadernos de Pedagogía, Ciencias, Revista de Enseñanza, Revista de Enseñanza de las Ciencias, Abeiro, Revista de Enciga ou Concepción Arenal. Tamén participou e participa con artigos na prensa en papel e dixital, primeiro sobre ciencia e logo sobre diversos temas. Títulos como ‘Ramón y Cajal, visión de la investigación por un Científico’, no diario El Norte de Castilla, ou a serie sobre os eclipses publicada en A Mariña / El Progreso, son continuados na actualidade por artigos en La Comarca del Eo, Galicia Digital, Praza.gal ou Crónica3.

Colabora coa Galipedia dende o seu nacemento en 2003.

Ten publicado ou colaborado en diversos libros. Entre eles:

Banda Municipal de Ribadeo 5 (aavv, 1997).

Orientacións á física de 2º de bacharelato (aavv, 2001).

As festas populares no entorno ribadense (aavv, 2001).

Ribadeando 2004.

SFTE... e máis. Notas e suxerencias sobre un Proxecto Escolar Europeo (con Gérard Traineau, 2005).

Ribadeo no tempo, a través das imaxes (aavv, 2006).

Dalla didattica alla e-didactics. Paradigmi, modelli e tecnichi dell’e-learning (en italiano, aavv, 2007. Versión inglesa en formato dixital, ‘From didactics to e-didactics. E-Learning paradigms, models and technics’).

Investigación facendo e difundindo (aavv 2012).

Física (comezo de libro colaborativo, libre, en internet, 2016).

José María Rodríguez Díaz, In Memoriam (aavv, 2018).

A temperie ribadense no 2020 (e un complemento) (2021).

 Outros datos de interese

Mantén os blog 'Ribadeando', 'Tentando Educar' e 'Física e Química en Ribadeo', así como a wiki 'As feiras de ciencia na Galiza', entre outras incursións independentes no mundo dixital.

Participou como clarinete durante varios anos no cadro de persoal da banda municipal de Ribadeo.