Moitos ortigueireses aínda recordan con cariño e admiración a Antonio Couzo, o home que construíu co seu esforzo e o apoio doutros moitos ortigueireses a gran Asociación de Naturales de Ortigueira na Habana.
Os primeiros 18 anos da súa vida pasounos tratando de axudar aos seus pais nas tarefas do campo, pero as penalidades desa vida e o pouco rendemento que proporcionaban levárono a tomar a decisión de emigrar. Cunha equipaxe máis ben exigua, pero cunhas ganas inmensas de comer o mundo, encamiñouse cara o porto da Coruña. De alí partiu no vapor francés La Campagne cara á illa de Cuba a finais de outubro para arribar na Habana o 7 de novembro de 1914.
Antonio Couzo iniciou a súa nova vida cun traballo de dependente nunha adega da colonia Guaimaro pertencente á central The Trinidad Sugars. O seu soldo era de 10 pesos ao mes, ademais de comida e aloxamento. A calidade da súa alimentación parecíalle bastante boa, non así a da auga, extraída duns toneis que recollían a chuvia. As súas diversións eran escasas e só os domingos: pelexas de galos polas tardes e cancións guajiras ao son dunha guitarra polas noites.
Así pois, as escasas gratificacións do traballo, unidas á intensa soidade que vivía nunha colonia de só catro ou cinco casas afastadas cinco quilómetros da cidade de Trinidad, persuadírono para que ao cumprir o seu ano de contrato, pedise o traslado á central do enxeño na capital. Alí, o seu soldo aumentou un pouco, cobraba 90 centavos diarios. Pola contra, a comida era agora “pésima, mal condimentada, sopa, carne con arroz, arroz con carne e os domingos un pouco de guayaba de sobremesa”. Nalgunhas ocasións, cando o traballo se facía máis intensivo, a súa paga incrementábase ata os 1,35 pesos, pero tamén as horas, que de 12 pasaban a 18 diarias.
Despois de dous anos de traballos de semi-escravitude foi na busca de novas posibilidades para a súa vida na cidade de Cienfuegos. Na súa nova residencia, empregouse como mozo de limpeza no hospital civil da cidade. Pagábanlle 15 pesos ao mes, aloxamento e comida. Para entón, Antonio xa se decatara de que as súas expectativas laborais non mellorarían se non o facía a súa formación. Con esta idea na cabeza, percorreu varias academias para iniciar a súa preparación, pero ningunha delas lle permitía cursar estudos en horario nocturno, polo que tivo que inverter os termos: traballar de noite e estudar de día. Foi unha temporada moi dura, pois ao esforzo que lle supuña cumprir coas súas tarefas de traballador e estudante, tíñalle que sumar os 10 pesos do custo dos estudos na Academia Sotolongo, que lle deixaban os seus ingresos moi minguados. Tras un ano nesta situación, decidiu cambiar a un emprego a media xornada nunha tenda de alimentación. Aos dous anos tivo que deixalo xa que non conseguira aforrar nada.
En 1919 optou novamente por cambiar de residencia e, nesta ocasión, foi vivir á Habana. Alí logra un emprego “todo en un”: varredor, pintor e axudante de albanel na quinta La Purísima Concepción, que era propiedade da Asociación de Dependientes. Para este posto presentou os seus certificados académicos de oitavo grado, obtido coa nota de sobresaliente, e de mecanografía. Polo seu emprego múltiple pagábanlle 20 pesos ao mes, pero, polo menos, nesta nova ocupación podería optar a algún tipo de ascenso. E así ocorreu, contratárono de mecanógrafo, chegando a gañar, ademais dos seus 45 pesos, a casa, a comida e o uniforme. Así se mantivo ata que, segundo el, suprimiron o posto, aínda que a versión que ofrecen algúns dos seus coñecidos é ben distinta. Eles alegan que a súa promoción deulle unha fama de profesional responsable e con capacidade para resolver os problemas que lle presentaban ao seu departamento, o que suscitou a envexa do seu xefe, que o despediu aos cinco anos, pois xa despachaba mellor ca el os asuntos.
A súa disposición para o traballo e a súa honestidade pronto foron recoñecidas por todos os seus compañeiros, polo que lle confiaron o 1 de xaneiro de 1921 a tesourería da asociación La Mutua, que prestaba servizos aos empregados das casas de saúde e beneficencia de Cuba.
A integridade de Antonio Couzo foi unha das calidades máis destacadas da súa personalidade, á que unía unha gran fe relixiosa. Por iso foi invitado a participar na fundación da sociedade católica España Integral en 1923. O seu compromiso coas súas actividades fixo que ao ano seguinte lle asignaran o cargo de vogal na xunta directiva, á vez que se lle concedía o nomeamento de socio emérito e, algún tempo despois a responsabilidade da administración da súa revista homónima.
Antonio movíase moi ben entre todo tipo de persoas, o que lle permitía tomar contacto con diferentes problemáticas sociais, para as que nunca gardaba a súa opinión de como se podían resolver. Esta dispoñibilidade para colaborar fixo que a xunta directiva da Asociación de empregados de centros de beneficencia de Cuba o quixese como vogal entre os seus membros a partir do 18 de xaneiro de 1924.
Durante os anos que transcorreran desde a súa chegada conseguira acumular un pequeno capital de 3.000 pesos. Canso de ir dun lugar para outro, mal empregado e peor pagado, decidiu o que calquera galego na súa situación: establecerse pola súa conta. Investiu os cartos na compra dunha empresa de cristalería situada na rúa Monserrat e Ánimas. Despois de atendela durante uns poucos anos, traspasouna para comprar outra máis grande en Tenente Rei e Aguacate.
O día que empezaría a cambiar para sempre a súa vida sería o 13 de xuño de 1928. Antonio Couzo reuniu na súa casa a un puñado de amigos e veciños para celebrar con eles a súa onomástica. Aproveitou ese momento para trasladarlles o desgusto que lle producira o falecemento dun coñecido polo desamparo no que se atopara nos últimos instantes da súa vida. Avergoñado e indignado pola soidade na que emigrantes coma eles poderían pasar as súas últimas horas, proponlles a creación dunha asociación que palíe economicamente os gastos das enfermidades, a xubilación e o paro dos seus socios, ademais de darlles apoio emocional. Ao rematar a exposición dos seus argumentos, invitounos a que o pensaran e convocounos para unha próxima reunión o día 24 de xuño. A esta presentáronse nove persoas, aínda que, se para un orfeón son necesarios tres vascos, para crear a asociación tivera chegado con tres galegos. Neste segundo encontro, os participantes fixaron o nome da nova entidade, Asociación de Naturales del Ayuntamiento de Ortigueira, os seus estatutos e elixiron a súa primeira xunta directiva, establecendo o seu domicilio no do presidente: Antonio Couzo.
En 1932, Antonio segue sendo un empresario da cristalería e un referente entre os seus colegas, polo que o designan vogal da Asociación de detallistas de tabacos e cigarros. Con todo, o seu total compromiso cos socios de Naturales de Ortigueira -nome co que a asociación era popularmente coñecida na Habana- deixáballe cada vez menos tempo para dedicarse a outras cuestións. As súas visitas aos socios enfermos, a captación de novos socios e a administración da entidade, entre outros moitos asuntos, fóronse facendo cada vez máis habituais na súa vida diaria, apartándoo incluso da súa ocupación pecuniaria, ao punto de que despois dun roubo no seu establecemento tivo que desistir de seguir manténdoo e malvendeuno por tan só 700 pesos.
Desde entón, Antonio e Naturales de Ortigueira foron un só, aínda que lonxe de ser personalista e dirixista, Couzo sempre quixo que a asociación estivese representada por un equipo dinámico nas súas directivas, que se fose renovando con xente preparada e que a fixese funcionar en todos os seus aspectos. E así foi como á fronte da mesma sempre estiveron persoas con gran carisma e capacidade para fomentar novas iniciativas que permitisen a incorporación de novos socios, á vez que ofrecerlles os servizos cada vez máis axustados ás súas necesidades.
Con todo, a voz de Antonio foi sempre moi tida en conta á hora de tomar calquera decisión, xa que de el partían moitas veces as ideas que poñían á asociación na cúspide das colectividades de emigrantes en Cuba. Por iso, ao longo da súa longa e honesta vida, foille recoñecido tanto dentro como fóra da mesma o seu labor. Como exemplos podemos citar o seu nomeamento como presidente de honra aos dez anos de ter sido creada; o título de fillo distinguido de Ortigueira, que foi acordado pola corporación no pleno municipal o 5 de decembro de 1953 ou a súa elección como presidente da Sociedad de cultura y recreo Rosalía de Castro en 1969.
A súa mentalidade aberta afastouno de ser un mero filántropo localista. Os que o coñecían sabían que podían contar con el para colaborar con outras asociacións, cunhas de forma desinteresada e anónima e con outras chegando a pertencer como un afiliado máis, como foron os casos do Centro Galego, o Club Luarqués, a Liga Santaballesa, ou as asociacións dos partidos xudiciais de Padrón, de Arzúa ou de Monterroso e Antas de Ulla.
Por outra parte, tamén tivo un importante papel na fundación da Federación de Sociedades Españolas de Cuba, en 1957 na Habana. Unha entidade para a que el mesmo liderou a súa constitución e á que lle dedicou unhas palabras nas que testemuña as dificultades coas que sempre se atopou: “Os que se opuxeron á Federación de Sociedades Españolas, foron os mesmos españois, (non os cubanos), a min non me estrañou nada, porque desta mesma forma fixeron os Naturais do Partido Xudicial de Ortigueira residentes en Cuba, no ano 1928, cando o Sr. Antonio Couzo e outros, idearon fundar a Sociedade de Naturais de Ortigueira; pero naquel entón, Couzo non dependía de ninguén, vivía do seu pequeno comercio de vidrería de tabacos e cigarros, tiña a xuventude, o arroxo e o amor propio que dixen o 13 de xuño de 1928. Triunfaremos e levaremos a vías de feito a idea de fundar unha sociedade de amparo e protección para os nosos paisanos e cantos simpaticen co noso ideal. […} Antonio Couzo triunfou daquela; pero agora, Couzo é un modesto empregado e ten o deber de obedecer as ordes dos seus xefes e, ademais, os anos foron debilitando os meus entusiasmos e a Federación, aínda que quedou constituída oficialmente e adheríronse máis de trinta asociacións e clubs, aínda esta en cueiros … ¡Cantos beneficios morais e materiais se obterían coa unión de todas as institucións, seríamos máis grandes, máis fortes e poderíamos realizar máis beneficios en pro dos emigrantes españois!”.
Líder e gregario, así era Couzo, pero en todo caso un home sabedor de que só a través da unión se consegue ter a forza suficiente para defender os dereitos individuais e colectivos, e que non hai triunfo se non hai loita pola súa consecución. Ao longo da súa vida foi deixando polo camiño a súa enerxía en innumerables programas sociais. Programas solidarios cos que a asociación actuou para ofrecer aos seus socios pasaportes gratuítos, medias pasaxes, compras de alimentos e medicinas, asistencia médica, pensións para os seus xubilados ou para aqueles que estaban impedidos para o traballo. Pero tamén puxo moito esforzo para que se crease un centro no que reunir aos asociados, no que poder pasar as horas conversando ou lendo na súa importante biblioteca, á que se lle puxo o nome doutro ilustre ortigueirés, Ramón Armada Teixeiro, e, como non, editar un xornal El Heraldo Ortigueirés, que propagara todo o que a asociación facía e que foi editado desde febreiro de 1941 ata xuño de 1959 … Pero a súa obra máis importante para el foi o panteón de Naturais de Ortigueira no Cemiterio de Cristóbal Colón na Habana, unha obra que no seu tempo e agora segue gardando a grandiosidade coa que fora concibida, e que é o maior mausoleo de toda a emigración galega.
O seu galeguismo levouno a ser vocal suplente do consello directivo de Patria Gallega en 1951. Esta entidade publicaba unha revista homónima que estaba dirixida por outro líder comprometido coas causas galegas, Fuco G. Gómez.
Antonio Couzo, despois de pasar toda a súa vida na illa caribeña, decide nos seus últimos anos trasladarse a Florida, a onde chega en 1971, establecéndose en Miami. Un precursor non deixa nunca de selo, e así el, como líder da causa migratoria, dá vida a unha nova asociación, a Casa de Santa Marta de Ortigueira.
O seu legado é inmenso. A asociación cubana chegou a ter ata 20.000 socios antes da chegada da Revolución Cubana e hoxe conta con cerca de 9.000. Pero o máis importante é que as súas ideas perviven de moi diversas maneiras nas dúas institucións. E nun recuncho da súa terra, o seu nome figura nunha placa dando nome a unha das rúas de Ortigueira e tamén o seu recordo á súa querida e recordada Cuba se estampa noutra litografía do rueiro santamartés.
So as grandes persoas enchen a súa vida cun gran proselitismo polos demais, e Couzo foi e é o paradigma da solidariedade dos galegos. A súa morte só foi un acontecemento datado en 1973, a súa obra e as súas consecuencias quedan para que as gocen as seguintes xeracións.
"Información facilitada por José Manuel Suárez Sandomingo".