Procedente dunha familia humilde de campesiños, consegue facer algúns cursos de bacharelato e Náutica e é nos últimos anos escolares onde comeza a súa vocación literaria. En 1960 emigra a Colombia. Comeza a traballar na embaixada de Brasil en Bogotá, onde coñece á que sería a súa muller, Sofía Baquero. En 1980 regresa definitivamente a Galicia para rexentar un negocio de hostalería.
Os seus primeiros poemas aparecen publicados en 1955 na revista ferrolá "Atlántida" baixo o título de As moradías do vento. En 1959 publica o seu primeiro libro titulado A frauta i o garamelo. En 1963 escribe Poemas da ausencia en Colombia (unha pequena antoloxía deste libro está recollida no número 31 da revista "Grial"). O 11 de agosto de 1974 o xornal La Voz de Galicia publicou unha composición súa titulada Pranto por Urbano Lugrís, que escribiu con motivo da morte do pintor galego ó que o uniu unha gran amizade. Publicou, ademais, as seguintes obras: O tempo no espello (1982); Cantos caucanos (1985); As torres no ar (1989) e Última fuxida a Harar (1992). Avilés de Taramancos tamén escribiu un libro de relatos titulado Nova crónica das Indias e numerosos artigos e textos que foron recollidos no volume Obra viva.
A Real Academia Galega dedícalle o "Día das Letras Galegas" do ano 2003.