Ángel Rodríguez Castedo


Categoría: Psicólogo e Xeriatra
Lugar de Nacemento: Sarria (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, realizou cursos monográficos de doutorado e diplomouse en Psicoloxía Pedagóxica e Psicoloxía Industrial pola mesma Universidade, así como en Xerontoloxía pola Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (Madrid). Funcionario de carreira do corpo técnico da Administración desde 1997, é director xeral do Instituto de Migracións e Servicios Sociais desde abril de 2004 e foi, ademais, director xeral de Personalia, S.A. Empresa de Servicios Socio-Sanitarios. Grupo Fundosa e Ceosa (2002-04), secretario xeral do Consello Económico e Social (1993-2001), director xeral do Instituto Nacional de Servicios Sociais (1985-93) e director do Instituto Nacional de Asistencia Social e xerente do Fondo Nacional de Asistencia Social (1983-85). Foi, ademais, secretario nacional para España de “Rehabilitación Internacional” (órgano consultivo da ONU) 1985-93, vicepresidente do Comité Nacional de Coordinación do Programa HELIOS da Unión Europea (1989-93), responsable do Plan Xerontolóxico Nacional (1988-93), membro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (1988-93), membro da Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais (1988-93), membro de diversas comisións interministeriais e de órganos colexiados da Administración Pública Española (1983-2002) e representante de España e relator en diversas reunións no ámbito da Comunidade Europea, do Consello de Europa e das Nacións Unidas. Polo que respecta ó seu labor docente, impartiu clases en masters universitarios sobre Xerontoloxía, Xerencia Pública e Desenvolvemento Social, Sistemas Organizativos de Atención ás Persoas con Discapacidade, Gasto Social e Servicios Sociais nas Universidades Autónoma de Madrid, Alcalá de Henares e Carlos III (Madrid). Ademais, foi docente no Master en Políticas Públicas e Sociais, impartindo a materia “Servicios Sociales y Sanitarios para las Personas Mayores” na Universidade Pompeu Fabra (Barcelona) e no Master en Dirección e Xestión de Servicios Sociais e noutros programas de formación da Organización Iberoamericana da Seguridade Social.

 Obras realizadas

Relator en diversos cursos, congresos e seminarios, presta consultoría e asistencia técnica en materia de protección social e servicios sociais en diversos países latinoamericanos. É autor de diversos estudios e publicacións, entre outros: Evaluación de programas y servicios para el bienestar social, El fenómeno del envejecimiento: análisis y propuestas, La tercera edad en España: Características, necesidades y recursos, El futuro de la protección social a las personas mayores en el contexto de la Unión Europea, Los Servicios Sociales: Hacia una sociedad más justa y solidaria, Servicios Sociales y Empleo, Desempleo,Exclusión y el discurso de la Igualdad, Política Social y Empleo de las personas con discapacidad en la Unión Europea, Aspectos económicos y sociales de la integración laboral de las personas con deficiencia mental, La protección económica y los servicios sociales específicos para las personas con minusvalía, Servicios Sociales y Sanitarios para la tercera edad, La prestación de servicios a las personas con dependencia y a sus familias e La regulación de la atención a la Dependencia en la Unión Europea: Modelos comparados.

 Outros datos de interese

O Concello de Sarria nomeouno fillo predilecto e chegou a un acordo, polo que se da o seu nome a unha rúa da vila.