Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e en Xornalismo. Tamén ten estudios de filosofía, así como cursos especiais sobre marxismo e existencialismo. A súa vida profesional estivo dedicada á información.
Foi director da Axencia de reportaxes Radial Press (1964), ó mesmo tempo que foi comentarista de política internacional en “Sábado Gráfico” e en “Cambio l6”, revista da que tamén foi conselleiro de redación. A finais de 1973 fundou e dirixiu a revista “Ciudadano” que causou unha auténtica perturbación na paisaxe política e xornalística nacional, xa que criticaba de abertamente os produtos do mercado así como os métodos comerciais e, por elevación, á Administración franquista. De ahí pasou a dirixi-la revista “Posible” e máis tarde fundou e dirixiu a revista “Leer” dedicada a temas literarios e artísticos. Foi Vicepresidente da Asociación da Prensa de Madrid e Presidente da Comisión de “Hoja del Lunes”. Durante cinco anos, de 1980 a 1985, foi comentarista de política internacional no “Periódico de Catalunya”, tamén mantivo ó mesmo tempo unha columna na Axencia OTR, que reproducían diariamente vintedous xornais. En 1986 foi nomeado Presidente-Director Xeral da Axencia EFE, cargo que desempeñou durante dez anos, periodo no que a Axencia foi galardoada co premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. En 1988 foi distinguido co “Master de Oro”, que concede o Forum de Alta Dirección para premia-la liña profesional de empresarios e directivos. Dirixiu cursos de verán relacionados co mundo da comunicación e as relacións internacionais nas Universidades Menéndez e Pelayo, o Escorial, Ronda e pronunciado conferencias en diversas universidades de España, Portugal e Iberoamérica. En 1997 pasou ó Grupo Zeta como Director de Relacións Internacionais e Asesor Editorial, así como comentarista político da revista “Tiempo” e “Periódico de Catalunya”. O 17 de maio de 2001 foi nomeado Director do Diario Córdoba e Editor de Onda Mezquita. O 28 de setembro de 2001 tomou posesión como Presidente do Consello Social da Universidade de Córdoba. Ó cabo do seu mandato foille concedida a Medalla de Ouro da Universidade Cordobesa. Dende 2006 a 2009 foi Director da Casa de Galicia en Madrid, delegación da Xunta de Galicia na capital de España. Por motivos xornalísticos ou de xestión empresarial percorreu setenta países entrevistando ou entrevistándose con grandes dirixentes mundiais, entre outros Ben Bella, Tito, Pertini, Fidel Castro, Noriega, Salinas de Gortari, Alfonsín, Arafat, Netanhyahu, Willy Brandt, Mario Soares, Belisario Betancourt...
Publicou os libros de ensaio: “Africa, la hora de las violencias”, “El socialismo y la polémica marxista” e “Albert Camus”, unha biografía na que analiza a obra e o pensamento do famoso Premio Nóbel. Como narrador publicou as novelas: “Agotando la esperanza” que obtivo o II Premio Café Gijón, “Las linotipias del miedo”, “Una larga sed” e “Te amaré después de siempre” da que a primeira edición se agotou nun mes e que acaba de aparecer en edición de bolsillo. O seu libro, “Felipe González, el hombre y el político”, editado por Ediciones B en 2005 vai pola oitava edición. Este ano foi galardoado co Premio “Celanova, Casa de los Poetas” que concede a Fundación Curros Enríquez. En 2010 publicou "Los Laberintos del Espejo".