Agustín Fernández Paz


Categoría: Escritor e profesor
Data de Nacemento: En 1947 ( † 12 de xullo de 2016)
Lugar de Nacemento: Vilalba (Lugo)
 Currículum

Perito industrial mecánico, profesor de ensinanza secundaria, licenciado en Ciencias da Educación e diplomado en Lingua Galega. Traballou como profesor de EXB en diferentes centros escolares. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os deseños curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. De 1990 a 1995, traballou como Coordinador Docente de Galego. Foi membro do Relatorio de Lingua do Consello da Cultura Galega, así como da Comisión Técnica de Creación e Estudios Literarios e do Consello da Cultura.

Foi tamén profesor de Lingua Galega e Literatura no IES 'Los Rosales 2', de Vigo. Foi membro fundador dos colectivos 'Avantar' e 'Nova Escola Galega'. Xunto con outros profesores organizou diferentes eventos e participou na elaboración de numerosos materias didácticos.

 Obras realizadas

Autor de diversos traballos publicados en xornais e revistas. A maior parte xira ó redor de temas como a normalización lingüística na ensinanza, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil e a introducción dos medios de comunicación nas aulas. Sobre eses temas impartiu numerosos cursos e conferencias.

Publicou os seguintes libros: A cidade dos desexos; As flores radioactivas; Contos por palabras; Lonxe do mar; O tesouro do dragón Smaug; As tundas do corredor; Rapazas; Trace anos de Branca; Unha lúa na fiestra; Cartas de inverno; Amor dos quince anos, Marilyn; Avenida do parque 17; O centro do labirinto; A néboa escura; O laboratorio do doutor Nogueira; Cos pés no aire; As fadas verdes; A nube de cores; O soño do merlo branco; Aire negro; Ana e o tren máxico; No corazón do bosque; Un tren cargado de misterios; Para lermos cómics 28 libros de literatura infantil e xuvenil galega; Os libros infantís galegos; Ler en galego; Facermos cómics; Animación á lectura; Os cómics nas aulas; A lingua no proxecto educativo e no proxecto curricular; A maxia das palabras; A literatura infantil e xuvenil en galego; No corazón do bosque, e Aire Negro (con esta obra conseguiu en Cataluña o premio Protagonista Jove)...

 Outros datos de interese

Ademais dos premios correspondentes á súa labor literaria ('Merlín' en 1989, 'Lazarillo' en 1990, 'Edebé Juvenil' en 1994 e 2005, 'Barco de Vapor' en 2003, 'Martín Sarmiento' en 2006, 'Rañolas'...) tamén recibiu o primeiro premio do 'Concurso de Guións de Vídeos Didácticos' do Concello de Fene e o 'Premio Ourense de Banda Deseñada' (1992). No 2001, os concellos da 'Terra Cha' dedicáronlle o 'Día das Letras Chairegas'. É un dos directores da Colección 'Merlín' de literatura infantil e xuvenil. Codirixiu diversas series de materiais didácticos e as series de Lingua Galega (Canles, Labia e Lingua ESO). O libro Canles 5 conseguiu o Premio Nacional 'Emilia Pardo Bazán', concedido polo MEC, para libros de texto non sexistas.

En 2004 a Federación de Libreiros de Galicia concedeulle o 'Premio Irmandade do Libro 2004'. En 2008 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil (Ministerio de Cultura) pola obra "O único que queda é o amor", editada por Xerais en galego, e por Anaya en castelán. En 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil. E en 2014 a Fundación Otero Pedrayo concedeulle o Premio Trasalba.