Licenciado en Antropoloxía Americana na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Completense (1974), é doutor en Filosofía e Letras pola Universidade Autónoma de Madrid, coa tese titulada ‘Muerte, religión y símbolos en Chaquilla una comunidad quechua de la Altiplanicie boliviana’ (1984). É Profesor de Antropoloxía Cultural na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela.
Fixo traballos de campo en Bolivia e en Galiza. Froito da súa estanza entre os indios bolivianos é a monografía ‘Muerte, religión y símbolos en una comunidad quechua. De temática exclusivamente galega son os libros: ‘Antropoloxía de Galicia’, ‘Autobiografía dun labrego’ e varios libros de contos populares. Estudou diversos aspectos da cultura popular galega e europea en ‘Satán, sus siervas las brujas y la religión del mal’, ‘La medicina popular interpretada’, ‘Las romerías/peregrinaciones y sus símbolos’, ‘La medicina mágica’, ‘O entroido ou os praceres da carne’, ‘Los cuentos maravillosos’ e ‘El simbolismo animal’.
Forma parte de varias asociacións de antropólogos e participou en diversos traballos de investigación financiados pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación. É especialista no estudo do simbolismo na cultura tradicional, o que lle permite entender prácticas e crenzas ata agora consideradas supersticiosas e irracionais como a bruxería, a medicina popular, etc… Nas súas obras descóbrese unha cultura popular que nada ten que ver cos tópicos, pois mostra a funcionalidade non só da cultura material senón tamén dos costumes e mesmo das crenzas que normalmente son tomadas por supersticións.