Xosé Manuel Seivane Rivas


Data de Nacemento: En 1921 († 27 de xaneiro de 2012)
Lugar de Nacemento: Fonmiñá, Pastoriza (Lugo)
 Currículum

Construíu a súa primeira gaita no ano 1939 nun pequeno taller situado na súa aldea natal,  na comarca da Terra Chá. Creou, deste xeito, o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría así o seu soño infantil de facer o seu propio instrumento. 

Do seu pai, un grande ebanista, herdou a técnica, ferramentas e as madeiras, e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nacido na Pastoriza.

Xosé Manuel foi, sen dúbida, unha das poucas persoas do seu tempo que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e de gaiteiro de modo que desenvolveu a técnica constructiva desde un profundo sentimento musical.

 Obras realizadas

Durante o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.
 
Anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente os gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia. 

Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.
 
No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, por motivos de estudos, e acaba creando alí outro obradoiro a imaxe e semellanza do de seu pai. En 1986 decide regresar a Galicia para continuar o seu traballo aquí, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994 toda a experiencia adquirida por cada un deles fúndese para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane. O obradoiro segue a manter a liña de traballo marcada por Xosé Manuel, enriquecida e avalada pola grande cantidade de gaitas que saen del cara a todo o mundo.