Xoán Guerreiro é á vez un paleto galego e a paleta de Galicia. Poucos souberon representar coma el, xa non a paisaxe ou a veciñanza de Galicia, abundantemente tratados antes e despois del, senón o carácter máis íntimo do ser galego; ese escepticismo militante e inconsciente do que creceu coa autarquía no seu interior; esa resignación bíblica do que non espera nin pide nada, ese voume pero quedo, de quen pode emigrar da súa aldea pero non da súa terra; esa pesadume con retranca do que vive baixo un ceo eternamente plomizo; esa xenerosidade medida de quen dá sabendo o que custa; ese oco baleiro na "lareira" sempre esperando a quen sempre o ocupou, esa ausencia constantemente presente. Guerreiro sabe transmitir en cada un dos seus cadros ese espírito porque se quedou pero foise, porque non pide pero esixe, porque aínda se sorprende cando un raio de luz rompe o gris do ceo, porque espera sentado mentres está buscando, porque dá pero garda, porque no seu interior sempre hai un oco baleiro esperando a ser ocupado, porque está só entre a multitude. Guerreiro é un poeta que pinta versos que firen e curan; é un cantautor urbano de voz cascada que ve beleza en cada furcia vella que comparte whisky, é un pueblerino ó que lle doe a desolación da cidade; é un vagón de mercadorías que parece que vén pero parece que se vai, é un residente de paso, é un faro acendido nun día despexado. Guerreiro é contradicción tatuada ó óleo sobre táboa.
Algunhas das exposicións máis importantes nas que participou foron: Presaxio de Ausencias (1999), Galicia e realidade (1996), Pintores galegos na TVG (1998), Ciento y ... postalicas a Federico García Lorca (1998), Realidades (1998), Cercanías (1998), Guieiros (Casa de Galicia, 1998), Imaxes da imaxe (1995), Arte varias, varias artes (1996), Homenaxe a Maruja Mallo (1995), Nove artistas na Madanela (1995), III Encontro de pintores no Barco de Valdeorras (1994), Homenaxe a Elixio, Encontro I y II (1994), XXX artistas galegos (1991), Artistas Plásticos Lucenses (1993) e ALEPH 2 (1997). Todas estas exposicións realizáronse en Lugo, A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Ourense, Madrid, Málaga, Ferrol, Perú, Melilla, Santander, Nova Iorque, ... Tamén participou en diversas feiras de arte entre as que destacan : F.A.A.C. (Foro Atlántico de Arte Contemporáneo) e 21 Feira Internacional de Arte. Realizou dous murais, un na Igrexa de San Bartolomé en Xove (Lugo) e outro en Homenaxe a Luís Seoane no Barco de Valdeorras (Ourense).
Foi finalista no concurso de ilustración de contos Espasa-Calpe, 1º premio do certame de pintura "Lugonova 90". Conseguiu unha bolsa de pintura nos anos 1992, 93 e 94. Realizou o cartel e os decorados da obra de teatro Blanca Nieves. Su verdadera historia. A súa biografía aparece en: Guerreiro, Deputación Provincial de Lugo, Enciclopedia Galega, Diccionario de pintores, dibujantes, grabadores y escultores españoles, Galegos, quen é quen na Galicia dos 90, Arte Contemporánea,... Ilustrou os libros A fonte da vida longa, Tralas portas do rostro e Ninguén chorou por nós e deseñou as carátulas das obras: Rosas de luz (Xocaloma) e Agardando que pase algo (Fía na roca).