Licenciado en Dereito pola Universidade ICADE de Madrid, Graduado Superior en Ciencias Xurídicas, Master en Dereito pola Universidade de Cardiff (País de Gales), Master en Administración Pública pola Universidade Complutense de Madrid e Doutor en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Entre outros destinos, como Técnico Superior da Administración da Xunta, foi Subdirector Xeral de Turismo de Galicia, representando á Comunidade Autónoma en distintas localidades de España e do resto do mundo, como Tanabe (Xapón), Kalamazoo e Chicago (Estados Unidos), Holguín e La Habana (Cuba), Kiel e Hamburgo (Alemaña), La Haya e Utrecht (Holanda), Vilcabamba e Lima (Perú), Oslo (Noruega), Viseu e Guimarães (Portugal), Marsella (Francia), Londres (Inglaterra) ou Praga (República Checa).
Como xornalista musical, colaborou en distintas emisoras de radio como Radio Popular de Lugo, Radio Mercurio de Madrid, Onda Madrid, Radio Oleiros da Coruña e Radio Medellín de Santiago; en diarios como La Voz de Galicia, El Correo Gallego y Galicia Hoxe de Santiago de Compostela, El Progreso de Lugo e Enclave Universitario; en revistas musicais de distribución estatal como Vibraciones Pop, Batonga, Reseña e Panymúsica; en revistas galegas como Sónica, Distrito Son, Wah-Wah, Iguana e Compostelán; en programas de televisión como Banda Curta, Miraxes ou Planeta Cine; e en distintos portais web como heineken.es/musica, zonadeobras.com, esquinalatina.com, universia.net, novaxove.com, bravu.net o arestora.com.
Na actualidade segue a colaborar en radio (Radio Galega), en distintos xornais (Santiago Siete, Diario Vasco e ECCUS, distribuído nas Universidades de toda España) e revistas musicais (Ruta 66, Mondo Sonoro, Zona de Obras, Efe Eme e Ritmos del Mundo), así como en varios portais web (desconcierto.com, arteshoy.com e numerocero.es). Ao mesmo tempo, mantén tres portais musicais: www.ultrasonica.info (galardoado como mellor blog musical), www.similarrock.com e www.venenoendosis.com.
Ademais, ten realizadas varias exposicións de fotografías tomadas en concertos para o Concello de Teo ou en locais como A Reixa (Santiago) ou La Velvet Underground (Lugo).
Por último, e relacionado coa súa labor como investigador musical, ten participado en distintos congresos e conferencias en diversas localidades de España e tamén en países coma Colombia (Seminario de Músicas Prohibidas) ou Brasil (I Congreso Internacional de Estudos do Rock, do que formou parte da súa Comisión Científica).
É autor de cinco libros:
- Rock bravú (Xerais, 1999).
- El gran circo del rock: Anécdotas, curiosidades y falsos mitos (T&B, 2005).
- Retratos Pop: Conversaciones y entrevistas con... (T&B, 2008).
- A censura na produción fonográfica da música pop (Universidade de Santiago de Compostela, 2011).
- Veneno en dosis camufladas. La censura en los discos de pop-rock durante el franquismo (Milenio, 2012).