A periferia é onde o mundo se diferenza, non onde se acaba. Desde esa periferia, o blues de Víctor Aneiros sorprende a especialistas, afeccionados e ata ós menos predispostos. O son da súa guitarra e o deletreo do seu blues evocan outras terras, outras rúas, outra gramática, outro acento. Desde Ferrol, ó Norte de Galicia, na fisterra da vella Europa.
Témola sorte de ter seguido a evolución de Aneiros, desde finais dos setenta ata hoxe.
Entón era pouco máis que un adolescente, seducido por aquela nova posibilidade descuberta: o fluxo continuo da música, da cabeza ós pés, do corazón á man, da man á guitarra e da guitarra ó amplificador. Algo máxico para un rapaz que quería botar fóra toda a forza expresiva que levaba dentro.
Xa había moito feeling de blues nas ganas de tocar daquel cativo, no seu entusiasmo, movéndose entre o heavy, o rock californiano e ata o punk (non esquezamos que estamos falando de finais dos setenta). E había tamén, dentro da súa forza rachadora, certa espiritualidade que o diferenciaba de calquera guitarrista do fructífero panorama ferrolán, e mesmo galego, daqueles anos. Igualmente chamaba a atención outra cousa máis superficial: era zurdo, como Jimi Hendrix, o superguitarrista que Aneiros adoraba.
Durante os oitenta, Aneiros pasou por grupos como Alkitrán, Blancanieves, 39 escalones, Grelo Bravo ou Acceso Norte, tocando todo tipo de música. Pero cada vez había máis blues nos seus fraseos.
Durante eses anos, Aneiros raiou moitos vinilos de Freddie King, Muddy Waters, Robert Johnson, Buddy Guy, Johnny Winter , Duanne Allman…falando con eles nesa linguaxe universal da alma, que se concreta na música.
Como unha planta que xermina naturalmente, o blues agromaba paso a paso, ano tras ano. Nos noventa, Aneiros xa tocara todo o que se pode tocar cunha guitarra e tiña claro cal era seu camiño. Cun par de amigos, contando entre eles coa portentosa voz de Germán Lamas, Aneiros creou Forcadas Blues Band. Foi sen dúbida unha pequena revolución no plano mundo musical galego.
En 1999, cos Blue Notes, Aneiros grava o seu primeiro disco editado por Cambayá Records, co título de “Que el blues te acompañe”. Participa en festivais de blues de recoñecido prestixio nacional como Antequera, Cerdanyola, Elorrio ou Reus.
Despois de compartir cartel con BB King, Buddy Guy, Raimundo amador, Coco Montoya, Eric Sardinas ou Larry McCray, co que tivo a oportunidade de improvisar en vivo, no ano 2003, o guitarrista galego colocou nas tendas o seu segundo traballo, Live in Montreux, editado por Gaztelupeko Hotsak. Esta gravación recolle un dos dous concertos que a Victor Aneiros Band ofreceu no Festival de Jazz de Montreux do ano 2002.
Xa con dous traballos editados queda claro que o blues de Aneiros é heterodoxo, sen purismos enfáticos. Para el o bo da música está, precisamente, no que ten de inabarcable: está en Crossfire (Stevie Ray Vaughan) pero tamén nunca versión de Calling Card (Rory Gallagher) ou nunha recreación do Little Wing hendrixiano.
O seu directo chega á altura de calquera lenda do blues. Esa é outra das grandes diferenzas que o distinguen de moitos guitarristas da súa xeración e das posteriores. É un guitarrista de raza, con clase, que non se apaga xamais fronte ó público. Calquera amante do blues debería anotar na súa axenda, como prioridade posible, escoitar algunha vez en vivo o extraordinario talento do músico ferrolán, que o levou á Gran Enciclopedia do blues de Gérard Herzhaft (2003).
Na primavera de 2004, Aneiros publica o seu terceiro traballo “O Blues do amencer”, onde retoma unha idea que xa estaba apuntada no compacto anterior: facer blues en galego, na liña do seu tema Non me deixes morrer aquí. Para Aneiros a sonoridade do idioma é adecuada para o blues. Como acostuma dicir: “a morriña é a augardente do blues galego”.
Un mundo moi orixinal xira arredor deste disco de Aneiros, creado pola persoal utilización do dobro e pola escritura dos temas orixinais, con letras inspiradas na súa cidade, na historia galega recente (Prestige) ou eterna (emigración) e nas traxedias cotiás, tiradas dos libros e da prensa.
Con este traballo Aneiros xirou por Andalucía (Festival de Torreperogil), País Vasco (Festival de Getxo), Portugal (Festival de Seia, Festival de Gaia e Festival de Sta. María nas Illas Azores).
Proximamente, Aneiros publicará o seu novo traballo “Heroe Secreto”, mestizaxe de blues , rock e jazz, onde pon música a clásicos da literatura Galega (Rosalía de Castro, Amado Carballo e Luis Pimentel) e fai, xunto coa voz de Paula Martins, unha adaptación ao blues de “unha noite na eira do trigo”.