Lector entusiasta, especialmente de libros biográficos e autobiográficos, realizou varios cursos de formación gandeira nos anos 50 co prestixioso veterinario D. Juan Rof Codina, en Lugo. A mediados dos anos 70 foi concelleiro do Concello de Foz. Foi membro da Cámara Agraria Provincial de Lugo nas primeiras eleccións democráticas, sendo o candidato máis votado á cámara da provincia de Lugo nas primeiras eleccións a cámaras agrarias. Foi presidente de varias asociacións (veciños, pais de alumnos, asociacións do ámbito relixioso...) e membro dos órganos directivos da cooperativa os irmandiños desde a súa fundación ata o ano 1993.
Durante doce anos ata 1993, foi presidente da Cooperativa Os Irmandiños, desde a que impulsou numerosos proxectos intercooperativos na nosa comunidade autónoma. Promoveu e foi vicepresidente constituínte da central de compras cooperativas CECOOP. Finalmente, facilitou a formación práctica de xerentes e técnicos de pequenas cooperativas gandeiras de toda Galicia con estancias en Os Irmandiños. Foi impulsor da Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), vicepresidente da xestora inicial e presidente de AGACA desde o 21 de xullo de 1989. Foi reelixido no ano 2001 para un período de catro anos. Tamén foi impulsor e membro do consello rector, desde a súa fundación en novembro de 1989, da Confederación de Cooperativas Agrarias de España (CCAE), no que desempeñou diferentes responsabilidades.
É, ademais, vicepresidente do Consello Galego de Cooperativas (COGACO) desde a súa constitución no ano 2002 e desde hai nove anos é membro do consello reitor da Caixa Rural Galega.