Iniciou a carreira sacerdotal no seminario de Tui (1860), onde ocupou, sendo aínda moi novo, unha cátedra de Humanidades e a praza de bibliotecario. Foi, ademais, vicepresidente da "Juventud Católica de Tui", redactor do xornal do mesmo nome e director da orquestra da catedral. En 1870 deixou os estudios eclesiásticos e un ano despois trasladouse a Madrid, onde exerceu o ensino musical. En 1875 fundou en Madrid "Galicia Literaria", asociación da que foi secretario e que se disolveu en 1876.
Os seus primeiros traballos xornalísticos e poéticos están recollidos principalmente en: "La Juventud Católica de Tuy", El Heraldo Gallego de Ourense e "Revista Galaica" de Ferrol. En 1871 publicou Flores para la soledad, seis melodías para canto e piano. Máis tarde publicou: Versos; Rimas de D. Rodrigo de Moscoso y Osorio, vizconde de Altamira. Siglos XV a XVI; Galería de Gallegos Ilustres, 5 tomos: Poetas de la Edad Media, Guerreros, Marinos, Príncipes y Diplomáticos e Artistas. Despois da súa morte publicaríase un sexto tomo, Galería de Gallegos Ilustres. Apéndice.
En 1876, o día do seu 29 aniversario suicidouse nunha das salas do Museo del Prado. Con anterioridade destruíra os seus traballos de xuventude, entre os que se atopaban 2 tratados de Filosofía e Teoloxía, 2 dramas, 1 zarzuela (letra e música), 2 poemas, 2 lendas e numerosas poesías e composicións musicais.