Sonia Villapol Salgado


Categoría: Doutora en Neurociencias
Data de Nacemento: 8 de maio de 1977
Lugar de Nacemento: Bretoña (Lugo)
 Currículum

Realizou os seus estudos de Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) no Instituto de Meira. Licenciouse en Bioloxía na especialidade de Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (2003). Comezou o seu doutoramento na Universitat Autònoma de Barcelona, no Departament de Biología Cellular, Fisiología i Immunología, onde defendeu a súa tese doutoral en Neurociencias acerca dos mecanismos da morte celular que acontecen no cerebro (2007), polo que alcanzou a cualificación de sobresaliente cum laude.

 Obras realizadas

Na Universitat Autònoma de Barcelona exerceu coma Profesora Asociada na Facultade de Medicina, impartindo diversas materias e seminarios de Histoloxía Médica. Inicia a súa etapa postdoutoral en París (Francia), na Université Pierre et Marie Curie, na Unidade 7102 do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), e máis tarde no Hospital Robert Debré no equipo de investigación U676 do Institut National de la Santé et de la Recherche Médicale (INSERM), onde traballa na actualidade. As súas liñas de investigación céntranse no estudo das distintas vías de neuroprotección tras unha isquemia cerebral e no comportamento das distintas células nerviosas despois dun dano. Os resultados destes estudos foron publicados en revistas científicas de impacto internacional (Neuroscientific, Glia, Neuroscience, Journal of Neuroscience Research...), en libros e presentados en numerosos congresos e conferencias en Europa e nos Estados Unidos.

 Outros datos de interese

A parte da súa carreira investigadora, a Dra. Villapol participa en numerosas actividades de divulgación científica no eido educativo e cultural.