Salvador García-Bodaño, como acostumaba a firmar os seus escritos, era vigués de nacemento, aínda que se criou e formou en Compostela. Escritor, poeta, crítico de arte, ensaísta e columnista de prensa sobre temas culturais e de actualidade en diversas publicacións. Era Procurador dos Tribunais. Literariamente, é unha das figuras máis singulares e innovadoras pertencentes ó nexo da 'Xeración das Festas Minervais'. Cofundou o P.S.G. e foi secretario de Información e Propaganda ó tempo das primeiras eleccións xerais.
Foi autor das obras de poesía: Ao pé de cada hora, Tempo de Compostela, textos poéticos a 37 debuxos para un país (debuxos de F. Criado), Compostela, Obra Poética (cos novos poemarios Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días), Pegadas no alcatrán, Cidade Virtual (na páxina Web de 'Biblioteca Virtual' da Universidade da Coruña); das de narrativa: Os misterios de Monsieur D'Allier e os contos A pedra, Conto de Reis, O mosteiro e Ruth. Tamén publicou o libro de xornalismo De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), estudios sobre pintores, e varias traduccións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow. Colaborou en diversos libros colectivos e de homenaxes a importantes figuras da cultura galega e castelá. Obras súas están incluídas nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidas ó italiano, ruso, inglés, francés e brasileiro.
Participou, en xaneiro de 1960, na homenaxe celebrada no Paraninfo compostelá en memoria de Ramón Cabanillas, organizado pola Cátedra de Literatura da Universidade, na que leron poemas Aquilino Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra e Salvador García-Bodaño. Tamén participou, en 1963, na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no Salón Artesoado de Fonseca, nun recital con Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares. En 1980 foi elixido directivo da primeira "Asociación de Escritores en Lingua Galega" e presidente do desaparecido Ateneo de Santiago de Compostela. Era membro numerario da Real Academia Galega, membro fundador do Museo do Pobo Galego, do novo Seminario de Estudios Galegos, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Agrupación Cultural 'O Galo', do P.E.N. Club de Galicia, da Asociación de Traductores en Lingua Galega, do Museo de Arte Contemporáneo 'Carlos Maside', do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e membro da Fundación 'Padroado do Pedrón de Ouro'.
Conseguiu os seguintes premios: Primeiro Premio en Poesía Galega e Primeiro Premio en Poesía Castelá nas Festas Minervais Universitarias de 1959, Premio da Crítica Española (Poesía Galega) 1978, Premio Xunta de Galicia (Creación Cultural) 1988, Premio da Crítica Española (Narrativa Galega) 1993, entre outros.