Diego Antonio Cernadas y Castro


Pseudónimo:O Cura de Fruíme
Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 18 de marzo de 1702 (†1777)
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela
 Currículum

O Club de Periodistas Galegos en Madrid pedirá á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas do ano 2002 sexa dedicado a Diego Antonio Cernadas y Castro, do que se conmemorará o terceiro centenario do seu nacemento. A primeira petición oficial para honrar a Cernadas no seu terceiro centenario foi presentada polo concello de Lousame, xa que na parroquia de Fruíme repousan os restos de Cernadas, coñecido na súa época tamén como o cura de Fruíme. Na petición destácase que Cernadas foi defensor do idioma galego, de Galicia e dos galegos, precursor do Galeguismo e periodista. Cernadas foi, segundo tódolos autores, a figura literaria máis notable de Galicia no século XVIII, época na que comeza a emigración galega e con ela unha imaxe ridícula dos galegos. Desde Fruíme, onde estivo de cura ata a súa morte en 1777, Cernadas replicou contra todas esas bromas e desprezos, polo que se converteu nun poeta moi popular. Proba diso é que os seus amigos, agradecidos, publicaron á súa morte sete tomos de máis de 400 páxinas cada un coas súas obras.

 Obras realizadas

Nas súas obras, ademais desa vena popular, hai unha grande erudición, posta igualmente ó servicio de Galicia en réplicas contra erros históricos en libros da época. Cernadas publicaba cada ano 150 "petitorios" cos sucesos máis destacados, para recadar cartos para os seus fieis, polo que o seu biógrafo, o xornalista galego José Manuel Rivas Troitiño, considérao non só precursor do Galeguismo senón o primeiro xornalista galego do século XVIII. Aínda que a maior parte da súa producción está en castelán, Cernadas tamén escribiu en galego e xustificou o seu uso literario nunhas célebres décimas á marquesa de Camarasa, que empezan: Co desexo de acordarvos / que en Galicia o seu funduxe / ten a vosa nobre fruxe / vou en Galego a falarvos. De esto non hay que estrañarvos. Antes ben, facendo gala / de esta Nación, estimala. A gran débeda dos galegos con Cernadas non é tanto pola súa obra como polo talante desa obra, a defensa apaixonada de Galicia, que non debe ser esquecida nunca, segundo o seu biógrafo. Castelao inclúeo entre os "grandes fillos" de Galicia e Otero Pedrayo chamábao "o noso bardo nacional". Á morte de Feijoó, Cernadas escribe un Memento na súa memoria, que dedica "á súa moi Nobre, Moi Respetable e Moi Amada Nai a Nación Galega".