É licenciada en Filosofía e Letras (Filoloxía Románica-Español) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde obtivo o grao cunha memoria titulada Notas lingüísticas e etnográficas de Ramirás (1974) e se doutorou coa tese O pronome persoal en galego (1980). Nesta universidade desenvolveu o seu labor docente e investigador ata o presente, primeiro no Departamento de Filoloxía Románica (ata 1982) e logo no de Filoloxía Galega. Catedrática de Universidade, da área Filoloxías Galega e Portuguesa, con docencia na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, desde 1998. Entre os cargos académicos máis relevantes ocupados ata agora están o de Vicerreitora de Profesorado da USC (1990-1994), Directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e Directora do Instituto da Lingua Galega (desde principios de 2005).
Pertence ao Instituto da Lingua Galega desde 1974, con dúas liñas fundamentais de investigación. Como membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego, no que participa desde os inicios, céntrase na variación e cambio lingüísticos, tanto referidos ao momento presente coma a etapas anteriores; como impulsora e membro activo do equipo de gramática, ocúpase da gramática descritiva do galego moderno, con incursións en etapas previas da historia da lingua ou en perspectiva diacrónica, e mais do contraste gramatical entre portugués e galego. Participa activamente na formación de grupos de traballo e na organización de encontros que axuden a trasladar os resultados de investigación.
Foi proposta como membro da RAG o 8 de setembro de 2001 e ingresou o día 6 de xuño de 2003, no Paraninfo da Universidade de Santiago. O seu discurso de ingreso, titulado Variedade e diversidade da lingua. Algunhas reflexións sobre cambio, variación e galego estándar, foi contestado por Antón Santamarina. Dirixe o Seminario de Gramática da RAG.
A súa investigación, en forma de libros, artigos ou comunicacións en congresos, céntrase nas liñas enunciadas anteriormente. Son numerosos os traballos dedicados ao pronome persoal, tanto desde o punto de vista da descrición sincrónica do seu comportamento morfolóxico e sintáctico como da variación e procesos de cambio lingüístico. Os seus traballos sobre o galego falado ou sobre lingua de autor buscan, en última instancia, mostra-la variación lingüística existente con vistas a unha posible maior e mellor definición do estándar. Nos últimos tempos ten aberta, ademais, unha liña frutífera de recuperación e edición de textos escritos no galego medio, sempre co norte de proporcionar datos fiables para o estudio da variación e o cambio lingüísticos.