Manuel Romay López


Data de Nacemento: En 1941
Lugar de Nacemento: San Martín de Ombreiro (Lugo)
 Currículum

Criouse nunha casa de labranza, e alí foi á escola, na que lle ensinaron o castelán. As súas primeiras vivencias foron no galego da aldea, que era una mestura de galego e castelán, á que máis tarde soubo que lle chamaban castrapo. Como todos os nenos, medrou inmerso nos costumes populares e aprendeu que a todos os seus ascendentes había que tratalos de vostede, e a toda persoa maior veciña ademais de tratala de vostede, antepúñaselle o Señor antes do nome. Ós nove anos incorpórase a Lugo para os estudos de bacharelato, pero seguirá vinculado á aldea en todas as vacacións escolares de inverno, primavera e verán ata os 19 anos, en que o destinaron a Pontevedra despois de aprobar unha oposición ó Corpo Técnico de Correos. Trasladado a Lugo ó ano seguinte, aquí discorrerá a súa vida con algunhas curtas ausencias por motivos profesionais, polo que seguirá relacionado coa aldea, onde disfrutou das súas reunións, foran estas de festas ou de traballos agrícolas: mallas, matanzas, esfolla do millo, pesca nocturna de anguias no caneiro, charlas no muiño ou no alpendre do zoqueiro. Interesáballe a conversa coas persoas maiores e así coñeceu a algunhas que estiveran na guerra de Cuba, outras que se foron á emigración e retornaran e outras que, incorporándose á aldea procedente de pobos próximos, traían aventuras que contar. Non pensaba el naqueles tempos de xuventude que da súa curiosidade de entón sacaría moitas anécdotas, refráns e adiviñas para a historia da aldea.

 Obras realizadas

Profesionalmente continuou coa súa actividade de funcionario e ademáis durante moitos anos preparou alumnos para as oposicións a Correos e Telégrafos ata que en 1979 accedeu ó cargo de Xefe Provincial, que desempeñou durante vintecinco anos, cun intervalo de dez, en que asumiu ademais as funcións de Director Provincial do Ministerio de Transportes, Turismo e Comunicacións.

A súa vida profesional transcorreu en Lugo, aínda que con algúns intervalos en Cádiz e As Palmas, a onde o enviaron para resolver problemas en dúas ocasións, e outros en Madrid para participar na elaboración dos Plans Estratéxicos de Correos.

Xubilouse a principios do ano 2006.

Cumprindo os corenta, retomou os seus estudos e diplomouse en Ciencias Empresariais na Escola Universitaria de Lugo.

En 2013 publicou a súa primeira novela 'María Balteira, a soldadeira maís fermosa da Corte do Rei Sabio'.

 Outros datos de interese

Na súa vida social, foi directivo do Círculo das artes, e desde hai máis de dez anos tertuliano na Cadena Ser e na TV de Lugo.

A súa afección á escritura é recente, iniciándose cunha cronoloxía da súa familia en Ombreiro, que tivo continuidade nesta historia da aldea. Tamén foi pregoeiro do Nadal.

Na actualidade segue vinculado a Ombreiro, onde conserva a casa de labranza dos seus pais, na que reside por temporadas.