Cursou as Humanidades nos colexios dos Mercedarios de Sarria (Lugo) e Verín (Ourense). Fixo a carreira sacerdotal nos Mercedarios de Poio (Pontevedra), ordenándose de sacerdote o 27 de marzo de 1949; doutorouse en Ciencias Sociais no Instituto Social León XIII de Madrid o 5 de maio de 1971; licenciouse en Ciencias Políticas na Universidade Complutense o 11 de abril de 1978; diplomouse en Estudios Sindicais no Centro de Estudios Sindicais de Madrid o 18 de xuño de 1963. Foi director de “Estudios” desde 1957 a 1975, profesor por oposición da cátedra de Socioloxía e Economía da Educación na Universidade Pontificia de Salamanca desde 1984 a 1996 en que se xubilou; foi tamén subdirector do Instituto de Estudios Europeos (1994-96) e xefe do negociado de bolsas (1991-92) en dita universidade. Impartiu clases no Instituto Teolóxico “Gaudium et Spes” de Salamanca e na Universidade de San Esteban da mesma cidade. Deu cursiños en España e noutros países e asistiu a congresos nacionais e internacionais. Foi chamado a impartir clases nas Universidades de Castelo Branco (Portugal), ULBRA (Porto Alegre, Brasil) e a Católica de Lima. Entre 1992 e 2000 foi profesor da Universidade da Experiencia de Castela-León. Actualmente pertence ó consello editorial de “Estudios” e pertenceu tamén ó de “Educadores”.
Entre os moitos libros e artigos publicados, merecen citarse os seguintes: Mella y su pensamiento social (Estudios, Madrid, 1972), Vázquez de Mella: sobre su vida y obra (Estudios, Madrid, 1973), El pensamiento sociopolítico de Mella (Estudios, Madrid, 1974), Cartas inéditas de Concepción Arenal (Deputación Provincial da Coruña, 1984), Cristo, el Señor (PPC, Madrid, 1984), Doctrina sindical Pontificia (Universidade Pontificia de Salamanca, 1986), Santuarios Marianos Mercedarios en España (Lancia, León, 1989), La Sociología de la Educación en España; pasado inmediato y presente (en colaboración; Universidade Pontificia de Salamanca, 1991), Política educativa de la Unión Europea (Universidade Pontificia de Salamanca, 1996), Sociología de los Mayores (Universidade Pontificia de Salamanca, 1999), El derecho a la educación de la infancia y de los jóvenes en desventaja sociocultural en el marco de la Unión Europea (Universidade Pontificia de Salamanca, 1997), Spain and EC Membership Evaluated (en colaboración; Pinter Publisher, London, 1993) e La figura y obra de San Pedro Nolasco (Ed. Mercedaria, Lima, Perú, 2001).
Dentro da Orde da Mercé desempeñou cargos importantes: Mestre de postulantes en Lequeitio (1949-1950), superior da Casa de Estudios de Madrid (1963-66), superior de Xerez (1976-82), párroco do Corpus Christi de Xerez (1977-1982), rector do Colexio Maior da Vera-Cruz de Salamanca (1982-1985), vicepostulador da Causa dos Mártires da Mercé de Castela (1991 ata os nosos días).