Foi monxe no Mosteiro de Samos (Lugo), onde viviu e estudou o que puido nas cousas de Deus, da vida e da xente. Estudou algo máis na Universidade de Deusto, onde se licenciou en Teoloxía Bíblica. Logo estivo de cura doce anos en terras de Abadín (Lugo), que se fixeron para el escola de vida no amor, no traballo, na festa e no sufrimento do pobo labrego. Desde o ano 1993, e previa unha etapa de formación en tema de drogodependencias, traballa como Educador-Terapeuta no centro de rehabilitación de drogodependentes Proxecto Home; actualmente é coordinador do centro de Proxecto Home de Lugo.
Ao longo da súa vida foi escribindo libros de poesía (‘Un caxato para o camiño’ e ‘Chorimas’), didácticos (‘Co Evanxeo pola man’, ‘Benqueridos amigos’, ‘Convocados para a irmandade’, ‘No nome do Pai’ e ‘Xuntos facemos pobo’) e novela: ‘A partir de hoxe’.
Colabora habitualmente nas revistas ‘Irimia’ e ‘Encrucillada’, e participou na traducción da Biblia ao galego. En todos os seus escritos, cheos de humanismo cristián, transmite o afán por compartir unha busca crente do Deus de Xesús no medio e medio do corazón da vida e unha sensibilidade especial cara a todo o que pertenza ao mundo da aldea. Foi membro creador do Movemento Rural Cristián de Galicia, do que segue sendo un animador moi activo.
Actualmente, xunto cun equipo de persoas das parroquias de Abadín, está embarcado na tarefa de pisar, investigar e escribir o pasado histórico, artístico, cultural, humano de todas as parroquias do Concello de Abadín; tarefa que se concreta en Cadernos parroquiais, dos que xa van editados en edición fotocopiada 12 números, á espera de que, ao remate do traballo (18 parroquias) se poida editar un libro destas características sobre o Concello de Abadín.