Morto o seu pai cando el só tiña catro anos, pasa longas temporadas en Padrón, coa súa nai, a súa avoa e o seu tío. A súa educación transcorre nun ambiente moi relixioso. Ós trece anos inicia os seus estudios de bacharelato en Santiago. En 1919 cursa estudios de mariño mercante que remata en 1923. Ós dezasete anos faise membro do Centro Republicano de Santiago e a finais de 1918 entrégase definitivamente á causa do galeguismo asistindo á Segunda Asamblea Nacionalista galega (Santiago, 1919). En 1920 afíliase á Xuventude Nacionalista Galega e participa na terceira e cuarta Asamblea Nacionalista de Vigo (1921) e Monforte (1922).
Os seus primeiros poemas aparecen na revista Suevia de Santiago en 1918. Colabora co periódico La Redención, de Padrón e escribe un soneto de carácter social titulado O sol da libertade.En 1922 publica na revista Alborada o manifesto Mais Alá e remata o libro de poemas Sempre e mais despois, que non chegará a publicarse en vida.En 1928 sae da imprenta o único libro publicado en vida do poeta: De catro a catro. Neste mesmo ano deixa redactado un curto número de poemas baixo o título Viladomar. As coleccións de poemas non publicadas foron agrupadas polo propio poeta cos seguintes títulos: Con anacos do meu interior, recolle composicións de 1921 e 1922, Foulas de 1922-24 e Sempre e mais despois, que agrupa a producción posterior a 1928.Hoxe en día permanecen inéditos aínda os seus escritos en prosa entre os que destacan comentarios literarios.En 1972 publícase en Vigo por primeira vez a súa obra poética completa Poesías.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1979.