Cursou Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, obtendo o título nas especialidades de Edificación e Urbanismo en 1979. Desde entón exerce a profesión libre con estudio en Lugo, realizando numerosos proxectos arquitectónicos, urbanísticos, informes e peritaxes tanto de promoción privada como pública. Desde 1985 realizou diversos proxectos de restauración da muralla romana de Lugo, gañando o concurso para a "Redacción dos estudios previos do Plan Director para a Restauración da Muralla Romana de Lugo" convocado pola Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura, ocupándose desde entón do estudio do monumento así como da redacción dos proxectos de restauración e conseguintes direccións de obra, e máis da realización das obras de emerxencia do mesmo, tanto por encargo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia como por parte do Ministerio de Cultura. Ten realizado diversos cursos de formación en materia de urbanismo, edificación, instalación, restauración, valoración, etc. Así mesmo, impartiu diversos cursos e conferencias.
Foi o director do equipo redactor da documentación presentada ante a UNESCO para solicita-la declaración da Muralla Romana de Lugo Patrimonio da Humanidade e o redactor do "Plan Director da Muralla Romana de Lugo" no ano 2002. É membro das asociacións de "Arquitectos y Peritos Forenses del C.O.A.-G." e "Arquitectura Hospitalaria". Participa activamente no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, onde ocupou o posto de contador da súa xunta de goberno. É autor de diversas obras de arquitectura (vivendas colectivas, unifamiliares, comerciais,...) tanto de promoción privada como pública, sendo seleccionada pola administración autonómica a obra "98 V.P.O. na rúa Lamas de Prado de Lugo", para a exposición "10 años de arquitectura española" promovida polo Ministerio de Obras Públicas e Transportes. Ten publicado diversos artigos e traballos escritos.