É arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, (especialidades de Urbanismo e Edificación) en 1979. Desde entón exerceu a profesión libre realizando diversos proxectos, informes, etc. ata xuño de 1982, data na que accedeu ó posto de Arquitecta do servicio de Catastro e Valoración Urbana como contratada. O 23 de novembro de 1985 ingresou no corpo de Arquitectos Superiores ó Servicio da Facenda Pública tras supera-las probas de acceso como número 1 da súa promoción. Desde esa data desenvolveu o seu traballo na Administración Pública como xefa da Área de Inspección Urbana da Xerencia Territorial da Delegación de Facenda de Lugo, desempeñando tamén en diversos períodos o posto de xerente territorial, e durante o período abril de 1986 a decembro de 1988 o de relator da Xunta Técnica Territorial de Coordinación Inmobiliaria Urbana de Galicia, pasando a partir desa data a desempeña-lo de vocal de dita xunta técnica. Desde 1990 exerce como vocal de libre designación da Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo e vocal representante do Ministerio de Economía e Facenda no relatorio técnico de Urbanismo da provincia de Lugo, ata a desaparición de ámbalas dúas en 1996. Durante este período ten realizado diversos cursos de especialización en Urbanismo e Valoracións Inmobiliarias. Tamén colaborou e participou nas xornadas sobre valoracións organizadas pola Asociación de Arquitectos Peritos e Forenses do C.O.A.G.
Durante o período 1979-1982 realizou diversos proxectos arquitectónicos e urbanísticos. A partir de 1982 os seus traballos circunscríbense ó ámbito da Administración do Estado, concretándose fundamentalmente na realización dos relatorios de valores para determina-lo valor catastral dos bens inmobles de natureza urbana dos municipios da Provincia de Lugo, así como de informes, valoracións e peritaxes en expedientes de patrimonio, recadación, expropiación forzosa, responsabilidade patrimonial, planeamento urbanístico, etc. Durante este período impartiu diversos cursos e publicou o libro Valoración de la Construcción (Escola de Facenda Pública, Madrid, 1989 e 1993).