Luis Pita Parapar


Data de Nacemento: En 1942 (En 1997)
Lugar de Nacemento: Madrid
 Currículum

Foi fillo do ortegán Ramón Pita Las Santas e a viveirense María del Carmen Parapar Dorado, e neto de Luciano Pita Sánchez Boado e Blanca Las Santas. Naceu en Madrid e viviu ata os dezaoito anos en Soria, pero sempre tivo, como toda a súa familia, predilección por Ortigueira e moitos dos seus veráns pasounos na Granxa do Souto, en Mera.

Desde moi novo exhibiu un trato afable e próximo, fuxindo en todo momento das extemporáneas manifestacións da xuventude. A primeira parte dos anos sesenta pasaraos estudando a carreira de Xornalismo na capital de España, para, ao finalizalos, vir a Galicia a exercer o seu traballo. Pronto deixará ver a través dos seus artigos e reportaxes o cariz que lle imporá aos seus traballos, que irán consolidándose en base ao seguimento duns criterios realistas e comprometidos que escapaban do vedetismo doutros colegas de profesión que buscaban unha maior presenza e proxección nos medios de comunicación.

Desde os seus inicios aportou sobradas probas de que as autoridades non lle ían marcar o paso dos seus escritos. Por iso, cando o gobernador civil da Coruña envioulle unha carta aos veciños das Encrobas que chegou a provocar un verdadeiro estupor entre eles, Luís Pita tomou a máquina de escribir e expuxo publicamente as falsidades e inexactitudes que alí se expresaban para acabar concluíndo que non podía estar ao fronte do Goberno Civil unha persoa que, entre os seus moitos dislates, estaba o confundir as siglas dun sindicato agrario coas de Comisiones Obreras ou crer que a bandeira dun movemento minoritario era a do Partido Comunista. As súas recriminacións valéronlle a querela da autoridade interpelada, o que non fixo outra cousa que afondar no propio prexuízo do demandante xa que meses despois foi destituído e todos os rumores apuntaron a que a causa estivo no Caso Encrobas.

Pola súa parte, a empresa Lignitos de Meirama tratou de zanxar este asunto mediante unha notificación pola que se declaraba a inmediata expropiación forzosa dos terreos aos seus propietarios. O oficio chegoulles o mesmo día en que os seus representantes regresaban de Madrid, a onde fora entregar un escrito no que lle pedían ao Goberno o traslado da poboación. Tan pronto estes tiveron coñecemento da posibilidade de que as fincas ían ser ocupadas inmediatamente, deron a voz de alarma manifestando que reivindicarían os seus dereitos sen alterar a orde pública. Porén a empresa, coa conivencia do Goberno Civil, ameazou aos veciños con medidas represivas, o que deu lugar a que estes se puxeran en pé de guerra e levasen a cabo manifestacións multitudinarias fronte ás instalacións da eléctrica a mediados de setembro de 1976. Nas protestas participaron todos os veciños da zona afectada, que trataron de ser reprimidos co envío da “forza pública prestada polo Excmo. Gobernador Civil da Cruña”. Luís foi en todo momento o transmisor de todos os actos reivindicativos, denunciando os agravios aos que os habitantes das Encrobas eran sometidos tanto pola empresa como polas autoridades civís.

Con estes e outros antecedentes non lles foi difícil a algúns dos seus compañeiros en Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia e Radio Nacional de España retratar a Pita como un admirable profesional nunha homenaxe póstuma que lle dedicaron no Forum Metropolitano da Coruña en 2003. Alí reuníronse máis de 300 persoas, para atestiguarlle o seu recoñecemento a pesar dos anos transcorridos do seu falecemento. Esta demostración invulnerable á erosión do tempo subliñaba o seu valor pola entrega en aventuras como a creación da editorial que sacaría á rúa a revista Man Común, ou como o libro Galicia: realidade económica e conflicto social, para o que solicitou e conseguiu o financiamento do Banco de Bilbao, que unha vez realizado tratou de evitar a súa difusión.

Para los que ya lo hayan olvidado, Man Comun foi unha revista de periodicidade mensual que iniciou a súa singradura en 1980, coa intención de ofrecer unha alternativa nacionalista ao sector galego da información. No seu tempo, foi unha pioneira pois, ademais de estar publicada por un grupo de xornalistas asociados na editorial do mesmo nome, supuxo o segundo medio de comunicación que utilizaba a lingua vernácula en todas as súas reportaxes, tralo semanario A nosa terra. No seu consello de redacción sentábanse uns profesionais que co tempo erixiríanse escritores e xornalistas de vangarda, entre os que estaban, Manuel Rivas, Xosé María García Palmeiro ou Gaciño, o seu director. Nas súas páxinas podíanse atopar tanto temas xerais e culturais como os artigos sobre o estatuto galego, o Día das Letras Galegas, os pactos municipais da esquerda ou a recomposición do centro político en Galicia, ata entrevistas aos personaxes máis representativos da época, como foron Antonio Rosón, Ramón Piñeiro ou Avelino Pousa Antelo.

Anteriormente, Luís Pita xa empezara a labrar a súa fama de xornalista tenaz ao abordar en 1975, en forma de serial, a investigación sobre o paradoiro do dono dun can que produciu unha agresión, trala que o seu propietario en lugar de auxiliar á vítima preferiu abandonala á súa sorte e desaparecer para intentar preservar o seu anonimato e a súa responsabilidade. Luís deu con el, que non resultou ser outro que o xefe de Policía, que tralas oportunas demostracións foi cesado polos seus superiores, viron a súa actuación como obscena dentro do sacrosanto principio de autoridade do Estado franquista.

Tampouco hai que deixar de lado a participación de Luís no primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia, no ano 1983, no que se empezarían a poñer as bases do que despois acabaría sendo o Colexio de Xornalistas de Galicia, aínda naqueles momentos as pretensión dos plumillas orientábase máis cara á creación dunha Federación Gallega de Asociaciones de la Prensa. Coa fundación deste organismo desexábase conquistar a representatividade dos xornalistas galegos dentro da estrutura organizativa do ámbito da comunicación a nivel nacional, a FAPE (Federación de Asociaciones de Periodistas de España).

Aínda terían que pasar catorce anos para que se cumprise coa reunión que impulsaría o Colexio de Xornalistas de Galicia, e na que novamente aparecerían os nomes dos antigos compañeiros loitadores pola causa reivindicativa: Primitivo Carbajo Centeno, Xosé Antonio Gaciño Barral, Luís Pita Parapar, Manuel Rivas Barros e Santiago del Valle Chousa. A ela só acudiron uns cen xornalistas pertencentes a todo tipo de medios de comunicación.

Despois de percorrer case todos os diarios de Galicia, Pita acabará formando parte de RNE en Galicia, onde pasará por varios postos directivos entre os que estiveron os de xefe de Informativos e de subdirector. O escritor Manuel Rivas manifestou que o seu aprecio por el estaba edificado polo rigor que lke confería aos datos e o seu constante contraste das fontes que o levaban a crear unha obxectividade xornalística de primeiro nivel, así como pola súa tarefa de procurarlles a súa voz aos sen voz e manter unha dose de distancia irónica. Rivas aínda recorda expresións súas como as de que “a todo Napoleón lle chega o seu waterpolo” ou “Machiño, ¡so é o que hai!”, fórmulas coa que parecía expoñer un fatalismo que o levaba a tomar o goberno da cuestión cunha obstinación polo esclarecemento da verdade digna de toda causa. Algo que tamén testemuñaría outro xornalista amigo seu, que diría que “Escasean as figuras deste porte, é como se se acabaran os xitanos que ían polo monte sos e os xornalistas ao Luís Pita ou ao Indro Montanelli, que xa nos tiña advertido sobre a sospeita suscitada polos colegas de prosperidade económica tan excesiva como sobrevida”.

Tras falecer, deixou un gran sentimento de perda entre todos os que o coñeceron e admiraron, que en homenaxe á súa figura e traxectoria decidiron solicitarlle ao Concello da Coruña que lle designase unha rúa na súa honra. Esta idea acabaría callando seis anos despois da súa morte coa imposición dunha placa co seu nome nunha das novas arterias da zona de Ponte Pasaxe. Para o voceiro do Concello no acto da súa inauguración, o día 3 de xuño de 2003, este tributo supuxo un premio á súa “ponderación e análise da actividade municipal durante as décadas dos setenta e os oitenta”.

Ao descubrimento da placa co seu nome acudiron moitos dos seus amigos e familiares, entre os que se atopaban o presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé María Palmeiro, o escritor Manuel Rivas ou o mestre de xornalistas Miguel Ángel Aguilar, ademais de numerosos veciños da cidade da Coruña, que quixeron tributarlle unha emocionada homenaxe.

Como mostra do seu xornalismo sagaz e profundo, Luís deixou escritos tres libros, ademais do censurado polo banco. O primeiro deles foi unha novela curta titulada Y con la maza dando, que fora publicada por entregas en El Correo Gallego. A este seguiulle unha biografía que escribiu co seu amigo e compañeiro Primitivo Carbajo sobre o ex alcalde da Coruña, baixo o título Paco Vázquez, apegada dun príncipe. Unha biografía non autorizada na que ambos expoñían a visión que o político coruñés transmitía a principios dos anos 90 de querer estar por encima dos seus conxéneres e de ser o máis distinguido dos nobres. E a súa última obra, El sauce llorón, do que no seu día diría o escritor Javier Marías que “cunha prosa límpida e eficaz, que nunca busca o adorno superfluo nin cae en excesivas nostalxias , consegue transmitir toda a atmosfera dun tempo pasado nun lugar que, precisamente por parecer algo alleo ao tempo mesmo e inmune ás súas veleidades parvas, aparécese, con inusitada forza, como vivo e presente: a cidade de Soria”.

Luís Pita faleceu na A Coruña, aínda que os seus restos recibiron sepultura no panteón familiar do Pazo do Souto. Contaba entón con 55 anos, pero nese curto espazo de tempo conseguiu asentarse como unha das referencias democráticas do xornalismo galego dos últimos anos do franquismo e da transición. Unha visión non só mantida entre os seus, senón tamén apuntada polos seus opositores, que así llo demostraron cando, á morte do ditador, a extrema dereita coruñesa avanzou ata a sé de El Ideal Gallego, no que estaba traballando, para solicitar a súa cabeza.

 

Texto de: José Manuel Suárez Sandomingo