Justo Martínez Martínez


Categoría: Inspector Médico Militar. Deputado. Senador Vitalicio.
Data de Nacemento: 6 de agosto de 1842 († 27 de agosto de 1930)
Lugar de Nacemento: Santiago de Compostela (A Coruña)
 Currículum

Dunha importante familia galega con ampla presenza na Universidade de Santiago, pasa grande parte da súa mocidade entre Santiago de Compostela e Silleda (Pontevedra). As primeiras novas da familia Martínez documentanse nos primeiros anos do S. XVII no lugar de Soutoxuste, na parroquia de Santa María do Viso, frente ó estreito de Rande, en Redondela (Pontevedra). A presenza da familia Martínez de Soutoxuste en Silleda documentase a partir del S. XVIII, polo matrimonio de Don Juan Francisco Martínez Pereira con dona Rosa Gómez de Costoia.

Tras ocupar unha praza como alumno supernumerario no Hospital Clínico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (1865), graduouse Licenciado en Dereito e Medicina e Cirurxía coa calificación de sobresaínte (1866). Pouco despois ingresa, por oposición, no Corpo de Sanidade Militar (1866), sendo o seu primeiro destino o Reximento de Infantería Zamora Nº8. Tralo seu paso polo Hospital Militar da Coruña (1868), é designado para desempeñar o cargo de Xefe Local do Hospital de Chafarinas (1870). Máis tarde acode a sofocar a Insurrección Cantonal do Ferrol (1872), e participa na 3ª Guerra Carlista (1872-1876), distinguíndose en máis de dez accións de guerra: Batalla de Montejurra (1873), accións de Somorrostro e Estella (1874), Sitio de Bilbao (1874), Sitio da Seo de Urgel (1875)… sendo recompensado polo seu exemplar comportamento con catro cruces do Mérito Militar con distintivo vermello e con cinco ascensos por méritos de guerra.

En 1873 é elixido Deputado a Cortes pola Estrada (Pontevedra), onde se lle adica unha das súas rúas principais, en recoñecemento ás moitas iniciativas que realizou sempre en beneficio dese pobo, tales como a carreteira de Silleda a A Estrada ou a reconstrución da Ponte Vea sobre o río Ulla. Tras un breve repouso para restablecer a súa saúde en Ledesma e Caldas de Cuntis (1879), é nomeado Xefe de Inspección e Vixiancia para a conducción de enfermos do Hospital Militar de Madrid (1884). Xefe de Ambulancias en 1886, acode en comisión a París para estudar o material para estes vehículos (1889). Nomeado Xefe de Detall da Brigada Sanitaria (1891), formou parte da comisión para redactar o Reglamento de creación da 1ª Brigada Sanitaria (1892).

Senador do Reino por Pontevedra durante os anos 1893-1895, foi Xuiz-Presidente do Tribunal de oposicións a prazas de Médicos segundos (1895). En 1896 realizou unha comisión para o estudo de tranvías e transporte de enfermos ó Hospital Madrid-Carabanchel, actual “Gómez Ulla”. Tamén realizou nese mesmo ano unha comisión para o Ministro da Guerra en París e Lyón.

Pouco despois marcha a Cuba, onde desempeñou o cargo de Xefe de servizos do entón recén inaugurado Hospital Alfonso XIII da Habana, actual “General Calixto García”. Director do Parque Sanitario da Illa de Cuba (1896), foi Xefe da 2ª Brigada Sanitaria e Xefe de Sanidade do Cuartel Xeral do Xeneral Weyler (1896). Durante a guerra de Cuba participou en 19 accións de guerra, distinguíndose na do Rubí (Pinar del Río) en 1896 e na de Loma de Remedios (1897), polas que foi merecedor de dous cruces do mérito militar con distintivo vermello. Durante a súa estancia en Cuba, don Justo Martínez estivo moi vinculado ó Centro Galego da Habana, do que foi Socio de Honra. Subdirector facultativo honorario da Casa de Saúde do Centro Galego, presidiu durante a súa estancia en Cuba a inauguración do curso escolar do Centro Galego, e por acordo da Xunta Xeral de 28 de febreiro de 1878, foi nomeado Presidente Honorario de dita asociación. Con este motivo, recibiu unha entusiasta felicitación, enviada polo pobo da Estrada, que preparou un comité de benvida para o seu regreso a España. O estradense don Waldo Álvarez Insua, director do Eco de Galicia referiuse a don Justo Martínez con palabras de eloxio ensalzando o seu gran amor a Galicia: “ama fervientemente a sus provincias gallegas, para las que no se ha cansado de recabar bienes y mejoras cada vez que estuvo en condiciones de hacerlo”. El Eco de Galicia foi o primeiro gran xornal galego na emigración, saíndo o seu primeiro exemplar en 1878, escrito en castelán con colaboracións en galego. Deixou de editarse en 1902. O mencionado estradense, don Waldo Álvarez Insua, foi o iniciador do Centro Galego a través das páxinas do “Eco”. Palabras de eloxio a Don Justo Martínez se lle adicaron tamén no semanario habaneiro Galicia, sendo enton o seu director don Constantino Horta. Este semanario publicouse na Habana entre 1902 e 1930. Foi fundado por don Vicente López Veiga, o seu primeiro director, e editado por José B. Cerdeira, e xa dende os seus primeiros números contou coa colaboración de don Manuel Curros Enríquez.

Ó seu regreso da campaña de Cuba, foi nomeado Director do Instituto Anatómico-Patolóxico (1897) e foi o primeiro director do Instituto de Hixiene Militar e da Academia de Sanidade Militar (1898). Senador de 1898 a 1905, foi Xefe da 1ª Brigada Sanitaria (1898) e primeiro Xefe da Brigada de Tropas de Sanidade Militar. Participou nunha comisión de estudo de material sanitario en Alemaña, Francia e Italia (1899) e noutra de uniforme e equipo para o Exército (1900). Tamén participou na redación do Reglamento de uniformidade do Corpo de Sanidade Militar (1899) e no proxecto de Reglamento orgánico do mesmo corpo (1901).

Inspector Médico de 2ª en 1905, foi Deputado por Lalín (Pontevedra) entre os anos 1905 e 1910 e Senador por Pontevedra entre 1907 e 1908. Xefe de Sección do Ministerio da Guerra (1907), Presidente do Consello de Administración da Compañía de Tranvías de Madrid e Vocal do Consello de Administración da Caixa de Orfos de Guerra (1908), foi novamente elixido Senador en 1910 e Senador Vitalicio en 1911 e dende 1914 ata 1923.

 

Autor do texto: Carlos Viscasillas Vázquez.