José Rubinos Ramos


Categoría: Sacerdote
Data de Nacemento: 3 de abril de 1898 (†3 de decembro de 1963)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Ingresou no Noviciado de Carrión de los Condes (Palencia) o 10 de abril de 1914. Dous anos despois de facer os seus primeiros votos, a causa da súa debilitada saúde, foi enviado a estudar Humanidades a Colombia, onde tamén estudaría Filosofía, mentres os estudos de Teoloxía fíxoos en Quito (Ecuador), onde foi ordenado sacerdote o 24 de xullo de 1926. Regresou a Colombia a facer a súa terceira probación e, ó concluíla, foi enviado a España e dedicouse á docencia na casa de estudos de Salamanca, e alí emitiu os seus últimos votos o 24 de setembro de 1929. Pero ese mesmo ano regresaría brevemente a Colombia, cando atopou un novo destino: ensinar Historia da Literatura no Colexio de Belén da Habana (Cuba). A esa tarefa dedicaría trinta e dous anos da súa vida (1929-1961), ocupándose ademais de crear unha magnífica e única biblioteca de literatura cubana, e dirixindo a Academia Literaria Avellaneda, en honor á poetisa cubana Gertrudis Gómez de Avellaneda, que el mesmo fundara no curso 1931-1932.

 Obras realizadas

Escribiu vinte e unha obras (sete en galego e trece en castelán), entre as que destacan o poema épico “Covadonga” (Habana, 1950), co texto bilingüe galego-castelán, “Selección de cien artículos y ensayos cortos” (Habana, 1957), “Dial Poético da viaxe dun galego polos Estados Unidos” (Habana, 1958), que ten unha versión en inglés, e lle valeu ese ano o Primeiro Premio de Poesía no Concurso da Unity Galega (Nova York), “Cuentos de color del siglo” (Habana, 1959) e “Fábulas Galegas para os nenos grandes e pequenos” (Habana, 1960).

 Outros datos de interese

Era membro das academias da lingua de Cuba e Colombia, membro correspondente da Real Academia Española e de honra da Real Academia Galega da Lingua. Entre os galardóns recibidos figuran a encomenda de Isabel a Católica, a Medalla de Cultura Hispánica e a Orde de Duarte no grao de Cabaleiro, outorgada polo goberno dominicano en 1955. Por parte da súa obra escrita recibiu en Cuba o premio nacional de xornalismo José Ignacio Rivero o 24 de setembro de 1958. Á hora da súa forzada saída de Cuba (17 de setembro de 1961), tiña cinco obras inéditas en castelán e sete en galego. Faleceu en Miami (Florida, USA), o 3 de decembro de 1963.