É Policía Nacional e Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (INEF. A Coruña).
Fillo de emigrantes en Suíza, a súa familia retorna á casa familiar en San Simón de Vilalba cando el era aínda un neno. Cursa os estudos de primaria no colexio de Moreda na parroquia de Lanzós e posteriormente o bacharelato no IES Basanta Silva de Vilalba.
Comeza a practicar Loita Olímpica tardiamente con 18 anos despois de probar en moitos dos deportes dos que se ofertaban nas escolas municipais. Debido as súas aptitudes pronto comeza a ter resultados nos campionatos galegos e incluso nos campionatos de España, acadando o seu primeiro título de campión estatal na categoría júnior con 19 anos.
No ano 2002 acada o seu primeiro título de Campión de España Absoluto dos pesos pesados, categoría que dominou de maneira indiscutible ata a actualidade e case de maneira continuada pois só deixou de participar en 2 ocasións, unha no 2009 por unha lesión de xeonllo e outra no 2013 por enfermidade. En total conta no seu haber con 12 títulos de campión de España absoluto, sendo o loitador galego e español con máis títulos estatais.
Os seus primeiros anos como deportista do equipo español son moi duros tendo que compaxinar o seu traballo en Vilalba nunha empresa de electricidade cos adestramentos diarios na facultade do INEF de A Coruña.
Cando os técnicos da Federación Española comezan a fixarse no seu potencial deixa de traballar como electricista para poñerse a estudar a Licenciatura de Ciencias da Actividade Física e o Deporte e poder así compaxinar mellor a súa formación coas continuas convocatorias do equipo español e un complexo réxime de preparación que inclúen 5 horas diarias de adestramento.
A partir de entón comeza unha etapa de resultados internacionais que o levan ao podio e incluso gañar algúns dos torneos máis importantes do planeta en países como Rusia, Estados Unidos, Alemaña, Acerbaiján ou Exipto.
En total, xunto aos 12 títulos de campión de España absoluto, no seu palmarés destacan os seus 4 preolímpicos para Atenas, Beijing, Londres e Río, 7 participacións en Campionatos do Mundo, 6 participacións en Campionatos de Europa, dous Xogos do Mediterráneo e uns Xogos Europeos.
No 2016 regresa aos duros adestramentos en Vilalba tras dous anos de certo parón nos que ingresa no Corpo Nacional de Policía coa intención de preparar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río. Estando entre os mellores clasificados do mundo para acadar a praza sufre unha grave lesión de ombro no Torneo Internacional Villa de París que o afasta do soño perseguido e o obriga a perderse toda a tempada.
A pesares de non terse clasificado para uns Xogos está considerado o mellor loitador galego de tódolos tempos.
Actualmente, recuperado da súa última lesión, continúa adestrando no seu club de orixe en Vilalba e ten manifestado a súa intención de intentar a clasificación para os Xogos de Tokio 2020 aos que chegaría con 39 anos.
En 2018, proclámase de novo campión de España, por 14ª vez, nos Campionatos Sénior de Loitas Olímpicas, na categoría de 125 kg.
Está casado e ten dous fillos.