-Fillo de pais emigrantes, chega a Galicia polo porto de Vigo na viaxe do transatlántico Santa María que seguiu ó seu secuestro por Galbao e o comandante Sotomayor, para pasa-la súa infancia en Loiba-Ortigueira.-Cursa estudios, que non remata, de Filosofía e Letras en Santiago e de Xornalismo en Madrid, simultaneando xa estes co traballo en diversos medios. -Xornalista vencellado a "La Voz de Galicia" desde 1976, onde é hoxe Redactor Xefe de Opinión. Comezou no mundo da prensa en "El Correo Gallego", do que sería despedido tras esixir da dirección que se informase obxectivamente do conflicto presentado cando o alcalde compostelán e asesor xurídico da empresa editora, Antonio Castro, afirmou que Castelao non merecía nin unha conferencia e suscitou a reacción dos intelectuais galegos encabezados por Otero Pedrayo. -Colaboraría posteriormente en "La Región", "Arriba", "Opinión", "Ciudadano", "Radio Francia Internacional" e "El Pais".A mediados dos 80, dirixiu durante unha breve etapa o diario "La Crónica de León".
Como escritor deuse a coñecer con Froito das lembranzas (Edicións do Cerne, 1981), que acadou o Premio Galicia -daquela o de maior dotación económica no país- en xullo de 1980. A súa segunda novela foi Século XXI. No comenzo dunha nova historia da humanidade (Edicións do Cerne, 1982).Desde que en 1977 recibiu o terceiro premio no concurso de contos infantís de O Facho, merece o recoñecemento de concursos como o Modesto R. Figueiredo (1980 e 1981) e O Meco (1983). Relatos seus publícanse en Man Común (1981), La Pluma (1981) e Sapoconcho (1995). A maioría deles agrúpanse en Astra o confín (Edicións do Castro, 1983), que ilustrou Xaime Quesada.No 1988, Edicións Júcar encárgalle un texto para a súa colección S.O.S. tu libro juego de aventuras que se titularía El laberinto de Krochne. O seu traballo literario deixou de ter unha proxección exterior deica Telúrico (Espiral Maior, 1997). Publica na Biblioteca Galega O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade (1977) e dirixe a edición de Murguía e La Voz de Galicia (2000), do que se fixo unha tirada sen precedentes en Galicia -150.000 exemplares- para regalar co periódico o Día das Letras Galegas. A finais do 1998 firmou a biografía Valentín Paz-Andrade, a memoria do século (O Castro). Participou previamente en traballos colectivos de homenaxe a Blanco Amor e Laxeiro.Luz de abrente (Galaxia, 1999) é a súa última novela, nun ano no que tamén participa no libro de relatos colectivo Deixade pois que voe o Paporroibo, que nos conte contos. Ir Indo publicou o relato infantil A castaña que chegou a árbore (2000).