Fernando Blanco de Lema


Data de Nacemento: 18 de outubro de 1796 (†8 de abril de 1875)
Lugar de Nacemento: Cee (A Coruña)
 Currículum

Con trece anos emigrou a Cuba, onde se dedicou á industria, negocios de ferraxería e relacións comerciais. Á súa morte quixo que os seus bens foran invertidos no seu pobo natal e creouse unha fundación cun colexio de primeiro e segundo ensino gratuíto. Mediante a intervención do Concello de Cee, a obra comezouse o 2 de agosto de 1880 e rematouse o 1 de outubro de 1886. Na actualidade funciona un instituto de ensino medio. Este era un centro de ensino interdisciplinar, no seu programa combinábase unha educación humanística e científica co ensino de materias practicamente necesarias para o desenvolvemento económico da zona. Impartíanse cursos de contabilidade, comercio, mecánica industrial, idiomas, agricultura, debuxo e música, na que se daban clases de solfexo, canto, piano e violín. En 1887 instalouse no colexio a primeira estación telefónica interurbana.

 Outros datos de interese

Os restos mortais do filántropo repousan na capela do colexio, a onde foron trasladados desde a súa custodia provisional na igrexa parroquial de Cee. En Cee ten unha calle dedicada e en 1973 dedicóuselle un monumento que se erixiu ante a fachada do colexio. A elaboración do regulamento polo que debía rexerse o colexio encomendóuselle ó catedrático da Universidade de Valladolid, Dionisio Barreda. Nese regulamento figuran actitudes pedagóxicas modernas que tardarían moitos anos en ser aceptadas: “sexa cal sexa a falta que cometan os alumnos, nunca se castigarán con golpes de ningún xénero, os golpes non corrixen e sen embargo embrutecen ó que os sofre”.