Emilia Pardo Bazán


Categoría: Escritora
Data de Nacemento: 16 de setembro de 1851 (†12 de maio de 1921)
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Fórmase nunha familia de nobre avoengo, interésase pola lectura gracias á gran biblioteca do seu pai e de seguida compón poemas inspirados en Zorrilla. Cásase ós dezasete anos e 1869 toda a familia se traslada a Madrid cando o seu pai sae elixido deputado. En Madrid entra en relación coas tertulias literarias, os salóns aristocráticos e as sesións do Congreso, coñecendo a moitos escritores contemporáneos como Benito Pérez Galdós, co que mantén un apaixonado amor. Tamén obtén grandes experiencias das súas viaxes por Francia, Inglaterra, Italia... En 1886 coñece en París a Zola, ós irmáns Goncourt e outros escritores. Colabora nas principais revistas galegas, madrileñas e barcelonesas. En 1891 é rexeitada a súa candidatura á Academia Española, en parte pola forte oposición de Juan Valera. En 1906 é elixida presidenta da sección de Literatura do Ateneo madrileño. O rei Alfonso XIII concédelle o título de condesa e en 1910 é nomeada conselleira de Instrucción Pública. No ano 1916 ocupa a cátedra de Literaturas Neolatinas da Universidade Central e colabora en varias publicacións españolas e hispanoamericanas.

 Obras realizadas

No ano 1876 comeza a publica-los seus primeiros ensaios en revistas e publica o libro de Poemas a Jaime, que dedica ó seu fillo. É importante a súa labor como crítica literaria a finais do século XIX e principios do XX. A súa primeira gran contribución crítica son os artigos publicados en La Época, recompilados en 1883 no libro La cuestión palpitante, precedido dun eloxioso prólogo de Clarín. Das impresións recollidas da súa viaxe a Roma no ano 1887 sae xorde o libro Mi romería. Deste mesmo ano destaca o libro La revolución y la novela en Rusia e as obras De mi tierra (1888), Polémicas y estudios literarios (1892), La literatura francesa moderna e El lirismo en la poesía francesa. Da súa primeira etapa destacan principalmente tres novelas de corte romántico: Pascual López. Autobiografía de un estudiante de medicina (1879), o ambiente melancólico da cidade compostelá, as emocións líricas e a idealización feminina mestúranse nesta obra; Un viaje de novios (1881) e El cisne de Vilamorta (1885), nesta obra resalta a proxección de connotacións románticas sobre a paisaxe de O Carballiño e a tipificación sentimental do protagonista. A producción de Emilia Pardo Bazán aproxímase ó naturalismo en 1883 coa novela La Tribuna, na que mulleres obreiras son as protagonistas. A concepción naturalista da novela de Pardo Bazán chega en 1886 coa publicación de Los pazos de Ulloa seguida de La madre naturaleza ó ano seguinte. O medio ambiente condiciona os comportamentos humanos, o mesmo que na escola francesa e o subdesenvolvemento rural xera a ignorancia e o comportamento instintivo. A tendencia naturalista péchase definitivamente en 1891 coa publicación de La piedra angular, na que describe o mundo urbano coruñés centrándose na bipolarización entre as zonas habitadas pola burguesía e o barrio marxinado que bordeaba o cemiterio. Con Insolación e Morriña, publicadas en 1889, Pardo Bazán deriva cara a unha etapa realista. En 1890 a novela de Pardo Bazán converxe cara a unha idealización relixiosa coa publicación de Una cristiana e La prueba. O realismo moderado continúa no ciclo Adán y Eva, formado por Memorias de un solterón (1891) e Doña Milagros (1894). Xa nos anos 1905 e 1908 publica La quimera e La sirena negra, respectivamente. Son dúas obras nas que incorpora unha nova sensibilidade e conexións coa estética do modernismo. A súa producción novelística complétase con obras como El niño de Guzmán, El tesoro de Gastón, El saludo de las brujas, Misterio e Dulce dueño, así como as novelas curtas La dama joven, Bucólica, Belcebú, Cada uno, La gota de sangre, Finaflor, En las cavernas, Un drama, La última fada, Rodando e La muerte del poeta. Tamén gozan dunha gran importancia os seus numerosísimos contos, compostos cunha gran imaxinación. Destacan sobre todo Cuentos del terruño, Cuentos de Marineda, Cuentos de Navidad y Años Nuevo, Arco iris, Cuentos de la tierra, Cuentos de amor, Cuentos sacroprofanos, Un destripador de antaño y otros cuentos...