Confianza, Credibilidade e Cercanía: Sempre fun unha persoa apegada á miña familia, orgullosa das miñas raíces. Onde nacín, no lugar de Ramís na parroquia do Carme, en Mondoñedo, aprendín o valor do esforzo e do sacrificio.
Actúo con compromiso e determinación. Son coherente, honesta e traballadora. Teño criterio e moito sentidiño.
A miña traxectoria vital persoal, profesional e política funa forxando dende abaixo e paso a paso, demostrando que son de fiar e capaz de xestionar con eficacia.
En formación constante: Nunca deixei de formarme para adaptarme ás responsabilidades que asumín, tanto na iniciativa privada como nos cargos institucionais e públicos que desempeñei.
Estudei Dereito na Universidade da Coruña, unha carreira útil e multidisciplinar que me deu ferramentas para defenderme e buscar un emprego.
Completei a posteriori a miña formación con outras titulacións de avogacía, xestora administrativa, corredora de seguros e, máis recentemente, o título de mediadora, que saquei durante os meses da pandemia.
Feita a si mesma: emprendedora e autónoma: Empecei traballando na administración local e tamén formei parte do Grupo de Desenvolvemento Rural, onde adquirín experiencia na xestión de fondos europeos.
Como emprendedora e autónoma, o traballo no mundo asegurador e tamén no sector bancario permitiume coñecer de primeira man as dificultades, necesidades e o compromiso de moitos lucenses que crean traballo e constrúen con sacrificio unha provincia máis competitiva e solidaria.
Durante ese período seguín formándome e fixen un Curso de postgrado de Xestión e Dirección Comercial de Pemes e Cooperativas e outro de Experto en Planificación Fiscal, ambos na USC; así como un máster de Xestión e Técnica de Seguros na Universidade de Salamanca.
Talante conciliador: Son unha persoa comprometida coa sociedade, unha municipalista convencida de que hai que traballar para construír territorios con máis oportunidades, eliminar desigualdades e participar no crecemento dos concellos.
En política empecei dende abaixo como concelleira, logo fun voceira no grupo municipal na oposición ata que me elixiron alcaldesa de Mondoñedo. Ocupei bancada como deputada provincial e fun voceira do grupo provincial ata que no ano 2015 fun proclamada Presidenta da Deputación Provincial de Lugo, converténdome na primeira muller da historia en asumir esta responsabilidade.
Desta etapa quedo coa actitude construtiva e de política útil coa que lle axudamos a un goberno do PSOE en minoría e sen capacidade de acordos. Así, lideramos unha oposición responsable que deu grandes pasos para a posta en marcha de programas provinciais orientados á mellora do equilibrio territorial e ao reparto xusto de fondos. Froito dese compromiso naceu o chamado Plan Único (’Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos’), legado do que me sinto especialmente orgullosa e que hoxe segue vivo, o que avala que foi un exemplo de bo facer.
Polas diferentes responsabilidades políticas que fun asumindo nos últimos anos, quixen ampliar coñecementos que foran prácticos e de utilidade para a toma de decisións, polo que cursei un postgrao na USC de especialización na administración local e outro Máster da Universidade de Alcalá de Henares de Dirección de Industrias Creativas + Transformación urbana sostible.
Compromiso con Lugo: Teño que agradecer as diferentes responsabilidades que me confiou o Partido Popular nos últimos anos. Entre elas, a de ser vicesecretaria con José Manuel Barreiro como presidente provincial do PP; tiven cargos na FEMP e tamén asumín a presidencia do PP da provincia de Lugo dende o ano 2016 ata a actualidade.
Deste período quero resaltar a miña implicación como presidenta do PP de Lugo en proxectos tan importantes para os lucenses como foron, no ano 2017, o impulso de novas dotacións para o barrio da Residencia de Lugo que hoxe están a piques de inaugurarse, ou a pelexa para conseguir prazos e orzamentos para a conexión da alta velocidade a Lugo, iniciativa freada tras a chegada do PSOE ao goberno central.
Na actualidade formo parte da executiva nacional do partido, son deputada autonómica, ademais de ocupar a Vicepresidencia Primeira do Parlamento de Galicia.
Tamén tiven a honra de coordinar o congreso do PP que proclamou a Alfonso Rueda presidente do PPdeG.
Como acabas de ler, no meu currículo, como na miña vida, hai traballo, honestidade, compromiso e formación permanente. Todo iso sempre coa máxima do servizo público, que é o que me move.