Domingo Bello Janeiro


Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é o director da Escola Galega de Administración Pública desde xaneiro de 1996. Ocupou varios postos docentes e de xestión na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicedecano, impartindo clases de dereito civil, materia da que actualmente é catedrático na Universidade da Coruña. Foi profesor do máster en dereito xudicial, organizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e a Universidade de Santiago de Compostela, do curso de especialización de Dereito Xudicial, organizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e a Universidade da Coruña, do máster en especialización en arrendamentos urbanos e propiedade horizontal, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e do máster de práctica xurídica e dereito da empresa, organizado pola Universidade da Coruña.

 Obras realizadas

É autor dos seguintes libros: La defensa frente a terceros de los intereses del cónyuge en la sociedad de gananciales (Bosch, Barcelona, 1993), El retracto de comuneros y colindantes del Código Civil (Aranzadi, Pamplona, 1995), El plazo de la acción de retracto legal (Valencia, 1995), La propiedad forestal (Tecnos, Madrid, 1997), El Precario (Comares, Granada), unha monografía sobre o dereito propio de Galicia e os límites e o alcance da competencia autonómica sobre a materia e Los Pactos Sucesorios en el Derecho Civil de Galicia. Ademais, dirixiu un manual en dous tomos de Dereito Galego e dous libros sobre as leis de cooperativas e de caza de Galicia. Así mesmo, publicou máis de medio cento de artigos nas revistas nacionais máis prestixiosas como “Revista Crítica de Derecho Inmobiliario” ou “Revista Jurídica General La Ley”.

 Outros datos de interese

Pronunciou múltiples conferencias en diversas universidades e colexios profesionais de dereito de Europa (Italia, Francia, Alemaña ou Portugal) e América (Brasil, Cuba ou Arxentina). Participou en distintos congresos xurídicos nacionais e internacionais e dirixiu multitude de xornadas e cursos. É vocal do pleno da Comisión Superior para o Estudio do Desenvolvemento do Dereito Civil Galego e membro da Comisión Técnica de Dereito dependente do Consello da Cultura Galega. É membro do consello de redacción de varias revistas xurídicas especializadas, como “Revista de la Escuela Gallega de Administración Pública”, da que é director, ou “Revista Jurídica de la Universidad de Santiago de Compostela”, sendo tamén membro do Padroado da Fundación Alfredo Brañas.
Foi galardoado coa Cruz de San Raimundo de Peñafort en decembro de 2005.