Armando Requeixo


Categoría: Filólogo
Data de Nacemento: 14 de xuño de 1971
Lugar de Nacemento: Mondoñedo (Lugo)

Opinión
 Currículum

Licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, conseguiu o premio extraordinario de licenciatura pola memoria titulada "A narrativa de Ánxel Fole: Estudio lingüístico e temático" (defendida na mesma Universidade en setembro de 1996). Na actualidade, traballa na súa tese de doutoramento sobre a "Obra completa de José María Díaz Castro. Estudio e edición crítica". Na actualidade imparte docencia nun centro de Ensinanza Media da provincia de Pontevedra, tendo desempeñado tamén labores docentes no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago. Conferenciante, membro do consello editorial de diferentes publicacións e do xurado de varios premios, ademais de colaborador en diversos libros colectivos, manuais e enciclopedias, foi distinguido cos premios: Premio 17 de Maio (1º Premio de 1994), Historia da Galicia Cinematográfica (Accésit de 1993) e Certame de Traducción Poética da Universidade de Extremadura (Accésit de 1996) e Premio Xerais á Cooperación Cultural 2004.

 Obras realizadas

Como crítico literario, os seus artigos e recensións foron publicados en múltiples revistas e xornais de toda Galicia. Na actualidade, é colaborador habitual nos xornais El Correo Gallego, Faro de Vigo e Diario de Ferrol e na revista "Tempos Novos", amais de no programa televisivo “Libro aberto” da Televisión de Galicia. É autor das seguintes obras: Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego, Vigo, Edicións do Cumio, 1996; Ánxel Fole e Á lús do candil, Vigo, Nigra, 1997 (en coautoría con Luis Alonso Girgado); O mundo lucense de Ánxel Fole, Sada-A Coruña, Edicións do Castro, 1997 (en coautoría con Claudio Rodríguez Fer e Isabel Gómez Rivas) e Escritores mindonienses, Ferrol, Sociedade de Cultura Valle Inclán, Concello de Mondoñedo, 1998. Tamén é autor das seguintes edicións e introduccións: Aníbal Otero, Esmoriz, edición de Armando Requeixo e Miguel Anxo Murado, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1994; Luis Seoane, A soldadeira, edición de Xosé Luis Axeitos e estudio introductorio de Mª Fe González Fernández e Armando Requeixo, Sada, A Coruña, Edicións do Castro, 1996; Eduardo Lence-Santar, Poesía galega, edición de Xe Freyre e Armando Requeixo, Santiago de Compostela, Follas Novas, 1999; Xosé Díaz Xácome, Primeiras cantigas do amor, edición de Luis Alonso Girgado e Armando Requeixo, Mondoñedo, Concello de Mondoñedo, 1999, Eduardo Lence-Santar, Etnografía mindoniense, edición de Armando Requeixo, Santiago de Compostela, Follas Novas, 2000; VV. AA., Materia prima. Relatos contemporáneos, prólogo e edición de Ramón Nicolás e Armando Requeixo, Vigo, Xerais, col. Narrativa, 2002; VV. AA., Contos de escritoras galegas. Antoloxía da literatura galega, edición de Elena Zernova e introdución de Armando Requeixo, San Petersburgo, Centro de Estudios Galegos de Universidade de San Petersburgo, 2003; Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao País dos Ananos, edición de Armando Requeixo, Vigo, Xerais, 2004; Álvaro de las Casas, Cancioneiro Popular Galego, introdución de Armando Requeixo, Santiago, Follas Novas, 2005.

 Outros datos de interese

En 2011 obtivo o Premio Ánxel Fole de xornalismo.