Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid, diplomado en Economía da Empresa e en Dereito Tributario e Asesoría Fiscal. En 1957 ingresa no Corpo Nacional de Enxeñeiros Agrónomos do Estado e faise cargo da xefatura Agronómica de Pontevedra do Ministerio de Agricultura. En 1962, é designado delegado do Servicio de Concentración Parcelaria en Galicia. Posteriormente ocupou os cargos de xefe do Servicio do Catastro de Rústicos do Ministerio de Economía e Facenda en Ourense (1967-80); xerente territorial do Centro de Xestión Catastral do Ministerio de Economía e Facenda en Ourense (1980-86); Conselleiro de Agricultura, Gandería, Montes e Medio Ambiente (1986-87) do Goberno Autónomo de Galicia e inspector xefe de Impostos Inmobiliarios do Ministerio de Facenda en Ourense (1988-93). Desde setembro de 1993 é presidente da Xunta Rectora do Parque Natural Limia Baixa-Serra do Xurés en Ourense. Foi conselleiro da Caixa de Aforros de Ourense (1964-1972), vocal da Comisión Provincial de Urbanismo (1982-86), vocal da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (1994-99) e vocal do Xurado Provincial de Expropiación de Ourense (1988-93).
É autor e director de obra de numerosos proxectos de Enxeñería Rural nos sectores agrícola, gandeiro, agroalimentario, de reforma de estructuras agrarias e infraestructuras urbanísticas: COREN (1964-67), Caixa de Aforros de Ourense (1961-64), Polígono Industrial de San Ciprián de Viñas (1967-70), Diestrales de la Iglesia Reunidos SA /1976), Banco del Noroeste (1975-77), GOISA, CATOURE SL. É autor de varios estudios nos sectores agrícola e industrial, entre outros: La Ordenación Rural en Ourense, La Viticultura en Orense, Condiciones Geoeconómicas de la provincia de Orense-El Polígono Industrial de San Ciprián de Viñas (1976), Bases para una política de Gobierno para Galicia en el Sector Agrario (Fundación Alfredo Brañas, 1989), Los Espacios Naturales y el desarrollo sostenible (1996) e Explotaciones agropecuarias en un Espacio Natural Protegido (1996). Participou activamente como relator en Cursos de Espacios Protexidos, Turismo Rural, Ética e Política Ambiental, Cooperación transfronteiriza, Ordenación do Territorio e Biodiversidade.
Entre outros premios e distincións conta coa Encomenda da Orde do Mérito Agrícola (1965) e a Cruz do Cabaleiro de Cisneros (1966).