Xesús Vaamonde Polo


Pseudónimo:Suso Vaamonde
Categoría: Cantautor
Data de Nacemento: 20 de decembro de 1950 († Vigo, 16 de febreiro de 2000)
Lugar de Nacemento: Regodobargo (Ponte Caldelas)

Web
 Currículum

Nace en Regodobargo (Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950. Estuda no Colexio Apóstol Santiago de Vigo, onde fundou en 1967 con dous compañeiros do colexio o trío Marco Balorento, grupo co que consegue o seu primeiro galardón. De 1969 a 1974 forma parte do mítico grupo Voces Ceibes, un movemento do nacionalismo cultural de entón xunguidos arredor da triloxía "unha terra, un pobo, unha fala". Desde entón e ata a súa morte, traza unha carreira en solitario como cantautor que o leva a publicar máis dunha ducia de discos e preto de duascentas cancións, ben musicando versos de diferentes poetas da nosa cultura, ben recollendo e adaptando cantigas de carácter popular ou mesmo compoñendo algúns temas de letra propia.

Artista polifacético moi relacionado cos ambientes musicais, literarios e artísticos do país, Suso Vaamonde destacou polo seu compromiso co idioma galego e coas clases populares do país. De entre tódalas súas amizades, a máis sobranceira foi a que mantivo con Celso Emilio Ferreiro, a quen lle dedicou grande parte da súa produción, mesmo un disco enteiro con portada debuxada por Laxeiro. Era asiduo de tódalas festas populares galegas e acudía a tódalas convocatorias antifranquistas da época, as máis das veces de forma totalmente desinteresada.

De convicións nacionalistas e de esquerdas, era demasiado romántico, idealista e utópico como para aceptar as directrices de ningunha sigla política partidaria. Cecais por iso viviu nas súas carnes a represión política do exilio sen que ningunha organización política fixera grande cousa por mudar a situación. O 3 de xuño de 1979, nun recital antinuclear celebrado na Praza da Ferrería de Pontevedra, Vaamonde foi denunciado por cantar a famosa estrofa "Cando me falan de España...". O 21 de novembro de 1980 foi procesado e condenado a seis anos e un día de prisión por un delito de "inxurias á Patria con publicidade". Diante de tamaña condena, decidiu tomar o camiño do exilio a Caracas. Suso Vaamonde convertiríase así no primeiro exiliado da democracia española. Tras catro anos lonxe dos seus, ingresou na cadea de Ourense para conseguir, logo de 46 días entre rexas, o indulto do goberno socialista en 1984.

No seu labor como músico, cómpre salientar que gracias ás súas cancións moitos poetas fixeron populares os seus versos. Púxolle música a textos de Castelao, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Alfredo Brañas, Xosé Lois Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Roberto Blanco Torres, Manuel Rodríguez López, Aquilino Iglesias Alvariño, Valentín Lamas Carvajal, etc. Moitos deles percorreron os escenarios de España, Portugal, Francia, Suíza, Alemania, Inglaterra, Arxentina ou Venezuela a través da voz do cantor de Regodobargo.

 Obras realizadas

Discografía:

. Loitando (1974)

. Nin rosmar un laído (1977)

. Os sonos na gaiola (1978)

. Limiar (1979)

. Celso Emilio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde (1980)

. Menceres (1986)

. Cantarolas prá xente miúda (1986)

. É Nadal (1994)

. Regodobargo (1995)

. Santiago, mar de pedra (1997)

. Rapazas, rapaces e rapazadas (1997)

. As palabras dos galegos (1998)

. Cousas da lúa (1999).

 Outros datos de interese

Pódese consultar información completa do seu legado na páxina electrónica www.susovaamonde.com